O portavoz do grupo municipal do BNG e concelleiro de Xestión Orzamentaria no Concello de Narón, Pablo Villamar, compareceu en rolda de prensa para saír ao paso “da insistencia do Partido Popular en manter o seu engano á cidadanía ao respecto do centro de saúde”.
Villamar comezaba a súa comparecencia indo ao fondo do asunto e censurando a actitude dos populares: “o que ten que facer o PP é asinar o convenio para poder iniciar a execución da obra xa” ao tempo que instaba ao portavoz do dito grupo municipal a «deixar de distraer á opinión pública con mentiras e de actuar en contra dos intereses da veciñanza de Narón». “É evidente a capacidade de mentir que ten Miguel de Santiago”- sentenciaba o nacionalista “aínda téndoselle demostrado que o concello ten feito o trámite para a cesión dos terreos á Xunta” referíndose ao acontecido na Comisión Informativa de Obras do pasado luns “o portavoz do PP pretende seguir enganando á cidadanía algo ao que, por outra banda, xa nos ten acostumados”.
O edil do BNG recordaba a continuación a época na que Miguel de Santiago como coordinador do Centro de Saúde asinaba un informe a favor dun macro-centro cando dende as filas nacionalistas se defendían dous “este non é o proxecto do BNG, pero é o proxecto que quixo a maioría da Corporación. Xa daquela o Concello sufría as consecuencias das mentiras do portavoz do PP quen asinaba, como coordinador do Centro de Saúde, un informe que, ao contrario do que alí se afirmaba, non contaba coa opinión de moitos dos profesionais sanitarios de Narón e que no BNG non dubidamos en cualificar como chapuza pola súa total falla de rigor”
O concelleiro frontista remataba a súa comparecencia dando un toque de atención á Xunta de Galiza “despois de teren trece meses a documentación nun caixón, o que deben facer é poñer riba da mesa o convenio para a súa sinatura” concluía Villamar, ao tempo que adxudicaba á presión popular o escrito do goberno galego retomando o expediente.