A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol retoma o Programa de Educación en Valores e “Cinensino 2012-2013”, iniciativa na que colaboran as Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e que ten o recoñecemento de interese sanitario pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Así, a partir do luns, día 18, e até o vindeiro xoves 21 escolares de 5º e 6º de Primaria e a alumnos/as de 1º e 2º de Secundaria dos centros de ensino da cidade asistirán no Teatro Jofre á proxección de películas.
Esta será a segunda proxección do programa e a terceira terá lugar no mes de abril. O alumnado de Educación Primaria Obrigatoria (EPO) asistirá ao pase do filme “Jacobo Lobo, de Joram Lürsen” –na primeira proxección do programa viron “Blancanieves”. Tras asistir a proxección desta película, os estudantes traballarán nas aulas unha unidade didáctico centrado na tolerancia.
Pola súa banda, os estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) asistirán ao pase do filme “Profesor Lazhar” –na primeira sesión de Cinensino viron “Intocable”-.
En canto á programación de asistencia de centros de ensino ao Teatro Jofre é a que segue:
Proxeccións para escolares de Primaria:
luns, 18 de febreiro: Haberá unha única sesión ás 10.00 horas na que estarán os colexios Tirso de Molina, CPR Santa Juana de Lestonnac, colegio La Salle e Cristo Rey (271 alumnos/as).
martes 19 de febreiro: Haberá dous pases. Ás 10.00 horas asistirán escolares do CPR Jesús Maestro, Sagrado Corazón M.M Mercedarias e CPR Valle Inclán (173 alumnos/as). Ás 12.00 horas tocaralle a quenda ao CEIP Esteiro, CPR Belén e CEIP Recimil (129 escolares).
E a programación para os estudantes de ESO é a seguinte:
mércores, 20 de febreiro: Sesión das 09.30 horas co IES Ricardo Carvalho Calero, Sagrado Corazón, CPR Valle Inclán 1 e Jesús Maestro (230 estudantes). Pase das 12.00 horas, co colexio Santa Juana de Lestonnac e IES Catabois (168 alumnos/as).
xoves, 21 de febreiro: Ás 09.30 horas, estarán no Jofre o alumnado do IES Sofía Casanova e de Cristo Rey (198 estudantes). E no pase das 12.00 horas participarán o IES Saturnino Montojo, Colexio Tirso de Molina e IES Ferrol Vello (211 alumnos/as).
As cifras globais desta nova programación de Educación en Valores e Cinensino son 10 centros de Primaria e 573 escolares; e 11 colexios de Secundaria con 807 alumnos/as que pasarán durante a semana polo teatro Jofre.