Natalia Botana comunicou á Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo o remate das obras en Barallobre para a recuperación de calado e mellora do abrigo.

A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, respondeu este martes a dúas preguntas na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia. Na primeira, Botana informou do cronograma que o ente público está a desenvolver para as dragaxes nos peiraos de Barallobre (Fene), Miño e Pontedeume, así como os estudios relativos á de Lorbé (Oleiros).
Botana informou de que Portos de Galicia rematou a finais do mes pasado as obras de dragaxe do porto de Barallobre, unha actuación “que beneficia a 110 embarcacións de 3ª lista, pesqueiras e marisqueiras”, indicou. Coa dragaxe, engadiu, “revértese o problema de calado pola sedimentación acumulada desde a construción dos pantaláns, que fai que os módulos do dique flotante toquen o fondo e momentos de mareas vivas”.

A presidenta de Portos de Galicia lembrou que esta actuación enmárcase nun proxecto conxunto de dragaxe dos peiraos de Barallobre, Miño e Pontedeume, que beneficiarán a un total de case 300 embarcacións profesionais e náutico recreativas. Os traballos contarán cun investimento total do ente público de 940.000 euros, aos que se suman 120.000 euros máis dos estudios ambientais previos e 235.000 do programa de vixilancia ambiental.
Polo que respecta ás obras de Miño e Pontedeume, informou de que está previsto o seu inicio de forma paralela na próxima primavera, dado que para a súa execución precisan de condicións climatolóxicas favorables.
Finalmente, en relación ao porto de Barallore, Botana informou tamén de que se veñen de rematar as obras de reforzo do abrigo para protexer as instalacións de amarre fronte aos temporais. O investimento nesta actuación foi de 900.000 euros. Ademais, explicou que nesta mesma semana comezarán as obras de estabilización do noiro que rodea a lonxa a petición da confraría de pescadores.

Demolición de naves en Celeiro
Na segunda pregunta á que respondeu esta mañá na Comisión 8ª, a presidenta de Portos ratificou o compromiso orzamentario do ente público para a demolición de dúas naves en desuso no peirao norte de Celeiro. Natalia Botana ratificou que o ente público consingou unha partida de 500.000 euros nunha única anualidade para executar as obras en 2027 e que se prevé poder licitalas no primeiro trimestre do ano.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.