Ferrol acolle desde este sábado 17 de outubro, unha nova edición do Ciclo de Teatro de Monicreques e Obxectos Animados Festea, que celebra a súa undécima edición cunha programación que se prolongará ata o 15 de novembro. Esta iniciativa reunirá diferentes compañías e propostas escénicas en varios espazos culturais da cidade, cunha programación que combina o humor, a música, a literatura, a tradición dos monicreques e a reflexión sobre cuestións de actualidade.
O ciclo comeza o sábado 17, con Monicreques a ceo aberto, ás 18.30 horas, no Centro Cultural Carvalho Calero.
Ese mesmo día, ás 20.15 horas, o Centro Cívico de Canido recibirá a compañía Los Titiriteros de Binéfar co espectáculo Juegos y recursos de un Titiritero.
A formación regresará o domingo 18, ás 12.30 horas, á capela do Centro Cultural Torrente Ballester con En la boca del lobo, unha proposta que busca establecer unha relación directa co público e recuperar o valor da imaxinación compartida.
A programación continuará a fin de semana seguinte. O sábado 24 de outubro, ás 18.30 horas, o Centro Cívico de Caranza acollerá O Fado de Ulises, da compañía Rodopio d’ideias, unha adaptación da Odisea de Homero que combina os monicreques coa música tradicional portuguesa.
O domingo 25, ás 12.30 horas, a capela do Centro Cultural Torrente Ballester será o escenario de O Gran Traxe, da compañía LaSal Teatro.
A literatura e a reflexión sobre a tecnoloxía terán protagonismo o sábado 31 de outubro, ás 18.30 horas, coa representación de A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica, na capela do Centro Cultural Torrente Ballester.
A obra, adaptación teatral da novela de Carlos Labraña, propón unha comedia dinámica na que se mesturan música, humor e sorpresas para abordar o uso da intelixencia artificial e reivindicar a lectura e os libros.
Xa en novembro, o Centro Cultural Carvalho Calero acollerá Zorbas, da compañía Helder Silva e Rui Sousa, o sábado 7, ás 18.30 horas.
Ao día seguinte, domingo 8, ás 12.30 horas, será a quenda de A Viaxem do Astronauta, da compañía Historioscopo.
A programación continuará o sábado 14 de novembro, ás 18.30 horas, no mesmo centro cultural, coa obra O Paxaro Verde, da compañía Grillo Títeres. O ciclo pecharase o domingo 15 de novembro, ás 12.30 horas, na capela do Centro Cultural Torrente Ballester, con Palhinhas, a historia de un Espantalho, da compañía Krisálida.
A proposta segue as aventuras dun espantallo polo universo mariño e pon o foco nos residuos acumulados no fondo do mar e na importancia da colaboración para atopar solucións comúns.
Todas as funcións serán de balde. Para os espectáculos que teñan lugar no Teatro Jofre, as invitacións poderán retirarse na billeteira do teatro ou a través da web de Ataquilla. Nos centros cívicos e culturais, o acceso será libre, sen retirada anticipada de entradas, ata completar a capacidade dos espazos e segundo a afluencia de público.
O número máximo de entradas por persoas será de catro.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
