O encontro desenvolverase no Polideportivo Municipal desde as 10.00 da mañá.

Arredor de 300 artesás daranse cita este sábado no Polideportivo Municipal de Cedeira, na vixésima edición da Xuntanza de Palilleiras e Labores Tradicionais que organiza a Asociación de Mulleres Vila de Cedeira. Son máis de trinta as agrupacións e asociacións que acudirán ao evento, que se vai desenvolver en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
Todo o público interesado está invitado a acudir e ver o traballo das palilleiras en vivo e en directo, así como a visitar os 15 postos de venda de traballos artesanais e materiais que estarán abertos durante a xuntanza.
A presidenta da entidade, Ángeles Villar Fraguela, explica que a maior parte das asociacións participantes son da zona de Ferrolterra e tamén da Mariña Lucense, así como unha que procede de Cambados. Apunta que tamén está inscrito tamén algún grupo de mulleres, amigas sen máis, afeccionadas ás labores. Os palillos teñen o protagonismo, pero é un día para compartir igualmente saberes sobre outras labores.
A Asociación de Mulleres Vila de Cedeira recolleu nas últimas semanas multitude de agasallos dos comercios e empresas da zona, que serán sorteados durante toda a mañá no Polideportivo. No descanso para comer, apuntan desde a entidade, todas as agrupacións participantes teñen reservado para facelo en diferentes establecementos hostaleiros da localidade, polo que a Xuntanza de Palilleiras é un ano máis unha actividade que contribúe a dinamizar a economía local.
Xa pola tarde, antes de rematar o encontro, a organización entregará os premios á agrupación que vén de máis lonxe, á artesá de máis idade e á máis nova, e sorteará unha colcha de patchwork elaborada na asociación entre todas as participantes.
Tanto desde a asociación organizadora como desde o goberno local animan a veciñanza de Cedeira e de toda a contorna a acudir para ver o traballo das artesás e escoitar o son dos palillos. Cómpre subliñar a vitalidade da Asociación de Mulleres Vila de Cedeira, con preto dun cento de socias, que desenvolve ao longo do ano clases de palillos, bordado, costura, pathwork, calceta e ganchillo, así como outras actividades puntuais, e que fai unha labor moi importante ao fomentar a convivencia e a vida activa das veciñas.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.