A Agrupación Socialista valora a candidatura de Julián Reina ao Congreso: “Ferrol terá voz directa no Parlamento”

O secretario xeral, Ángel Mato, salientou o peso do socialismo ferrolán na configuración das listas para as eleccións xerais, nas que tamén figura o exconcelleiro Manuel Santiago .

foto archivo

A Agrupación Socialista de Ferrol contará con dous representantes nas candidaturas ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro.

Tal como acordou onte o Comité provincial, Julián Reina Villalón ocupará o número 2 da lista ao Congreso dos Deputados e Manuel Santiago Pérez será suplente na candidatura ao Senado.

O secretario xeral, Ángel Mato, mostrou a súa satisfacción pola designación de Reina, algo que, “ademais da súa valía, mostra tamén o peso do socialismo ferrolán dentro do partido”. Ademais, referiuse ao alcance futuro desa designación.

“Na Agrupación valoramos moito a posibilidade de ter representación propia nas Cortes Xerais, pero valoramos moito máis o feito de que Ferrol contará cun deputado que defenderá os intereses da cidade por enriba de todo. Ferrol terá voz directa no Parlamento”, salientou.

Julián Reina Villalón (Málaga, 1984) é portavoz da Executiva local e secretario de formación e urbanismo. Concelleiro desde 2019, durante o goberno de Ángel Mato foi responsable de Urbanismo e Contratación, entre outras áreas. Mato celebrou tamén a inclusión de Manuel Santiago na lista para a Cámara Alta. “Non só ten unha traxectoria longa e destacada tanto no partido coma no ámbito sindical. O seu compromiso compróbase co traballo constante que desenvolve na Executiva local”, sinalou sobre quen, na actualidade, ocupa a secretaría de acción electoral e función pública e, entre 2007 e 2011 coincidiu como concelleiro co propio Mato durante o mandato do alcalde Vicente Irisarri.

Ambas designacións estaban incluídas na proposta que a Executiva provincial do PSdeG trasladou ao Comité. Do órgano de dirección forman parte o secretario de organización ferrolán, Rafael Fernández Beceiro; a secretaria de política municipal, Natividad González Laso, e os propios Reina e Santiago.

No Comité provincial, a Agrupación Socialista de Ferrol conta con 12 membros, co seu secretario xeral á cabeza.

Lea también

Suso Basterrechea encabezará a candidatura de Esquerda Unida Ferrol para as municipais de 2027

A organización conclúe o seu proceso de primarias cunha candidatura integrada por seis persoas vinculadas …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *