A Biblioteca Municipal de Narón enche de historias a semana do Día das Escritoras e do Día das Bibliotecas

Entre o 19 e o 24 de outubro, a biblioteca acolle unha conversa con autoras locais, un espectáculo de narración oral e unha proposta para as familias.

 

A Biblioteca Pública Municipal de Narón continúa coa súa programación de “Outubro, mes das bibliotecas”, con tres actividades que se repartirán entre o luns 19 e o sábado 24 de outubro, e que van do Día das Escritoras ao Día das Bibliotecas.

A primeira cita será o luns 19, ás 18:00 horas, coa conversa-coloquio “Elas escriben”, que conmemora o Día das Escritoras. Participarán as autoras naronesas Ana Varela, Isabel Ramos e Raquel Villanueva, que compartirán experiencias arredor da creación literaria e da vivencia de escribir sendo muller. Do tempo para escribir, os coidados e a conciliación, á visibilidade e o recoñecemento das autoras, a construción de personaxes femininas ou a relación coas lectoras e os lectores. A perspectiva de xénero estará presente ao longo de toda a charla, vinculada ás experiencias das propias participantes e aos cambios que se produciron nos últimos anos no ámbito literario.

O encontro forma parte do proxecto de prácticas dunha alumna do Ciclo Superior de Promoción da Igualdade de Xénero. Terá unha duración aproximada de 60 minutos e un espazo final para a participación das persoas asistentes. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

O venres 23, ás 19:30 horas, será a quenda de “A corva”, un espectáculo de narración oral para público xuvenil e adulto a cargo da contadora Cristina Collazo. A peza parte da figura de Carmen Montoiro, unha compoñedora de ósos dunha pequena vila da Estrada, e recupera cantos e contos da tradición oral galega. A proposta inclúe narración e busca a participación do público nun espectáculo interactivo no que as historias cobran vida e o mundo das mortas visita o das vivas, unha actividade especialmente axeitada para estas datas próximas ao Samaín. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

A semana pecha o sábado 24, ás 11:00 horas, co Día das Bibliotecas, que se celebra coa compañía Trémola Teatro e “A nena que comía todos os libros”, un espectáculo dirixido ao público infantil a partir de 3 anos e ás familias. Elisa ten un amigo cunha rara afección. Quería ser a persoa máis lista do mundo e sabía que a resposta estaba nos libros, pero, en vez de lelos, comíaos. Será posible chegar a ser a persoa máis lista do mundo comendo libros? Esta divertida aventura propón descubrir todo o que podemos atopar cando nos mergullamos nunha historia.

Para participar, os nenos e nenas deben ter os tres anos feitos e o carné da rede de bibliotecas sen sancións pendentes. É imprescindible reservar nesta última actividade a partir do martes 20 de outubro, de maneira presencial ou chamando ao 981 382 173 en horario de apertura da Biblioteca.

Lea también

Apertura do prazo de inscrición nun obradoiro creativo para menores de 12 a 15 anos en Narón

A iniciativa desenvolverase na Casa da Mocidade en horario de mañá durante catro días de …