A iniciativa, promovida pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial que impulsa a Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol e financiada pola Fundación L. Monteagudo, ofrece tres obradoiros gratuítos para descubrir o pasado castrexo a través da experimentación e a aprendizaxe práctica.

O Campus Industrial de Ferrol acolle os “Laboratorios Castrexos”, unha proposta educativa que pretende achegar a arqueoloxía, a cultura castrexa e o patrimonio histórico ao estudantado de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) da Comarca de Ferrolterra.
A proposta, promovida pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial que impulsa a Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol e financiada pola Fundación L. Monteagudo, busca fomentar o coñecemento e a valoración do patrimonio cultural botando man dunha metodoloxía participativa na que o estudantado se converte no protagonista do proceso de aprendizaxe.
A programación dos “Laboratorios Castrexos” inclúe tres actividades ben diferenciadas. O primeiro laboratorio, “Construímos un poboado castrexo”, está dirixido ao alumnado de 1º e de 2º de Educación Primaria. Nel, os nenos e nenas aprenderán que é un castro e, pintando, recortando e pegando, crearán o seu propio poboado. O segundo laboratorio, “As pegadas do barro”, está pensado para o estudantado de 3º a 6º de Educación Primaria e de 1º da ESO. Neste obradoiro, a cativada descubrirá a importancia da cerámica na cultura castrexa e creará a súa propia peza.
A terceira proposta, “As orixes da moda”, incorporarase proximamente á programación e estará dirixida ao estudantado de 5º e 6º de Educación Primaria e de 1º da ESO. A actividade permitirá que os nenos e nenas participantes se acheguen á indumentaria castrexa poñendo o foco nos tecidos e nos ornamentos. Tanto este laboratorio coma os dous anteriores estarán supervisados pola doutora en Protección do Patrimonio Cultural pola Universidade de Vigo (UVigo) e máis pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Lucía Brage Martínez, terán unha duración estimada de 90 minutos e un máximo de 25 prazas.
Os “Laboratorios Castrexos” non contarán cun calendario de sesións previamente establecido senón que se organizarán en función das solicitudes presentadas polos centros educativos e a dispoñibilidade de espazos no Campus Industrial de Ferrol. A participación é totalmente gratuíta.
Máis información chamando ao 881 013 820 ou ben enviando un correo electrónico a arqueodromo.ferrol@gmail.com
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
