A extraordinaria resposta de empresas, entidades e particulares desbordou as previsións da organización, que mantén os tres sorteos previstos durante a xornada.
A Asociación Veciñal Valle de Esmelle quere agradecer publicamente a extraordinaria resposta recibida para a celebración do Festival Solidario «El Océano de Julieta», que terá lugar o vindeiro sábado 17 de outubro en Esmelle, baixo carpa.
Preto de 60 empresas, comercios, asociacións, artistas, colectivos e persoas voluntarias sumáronse desinteresadamente a esta iniciativa, colaborando con premios, actuacións, produtos, servizos, recursos materiais ou traballo voluntario. A resposta superou todas as previsións da organización. A cantidade e variedade de premios recibidos foi tan elevada que foi necesario pechar a incorporación de novas doazóns para os sorteos, ao terse desbordado a capacidade inicialmente prevista.
A organización aclara que os sorteos se celebrarán con total normalidade nos tres horarios anunciados. O que queda pechado é unicamente o prazo para incorporar novos premios. «Queremos expresar o noso agradecemento a todas as empresas, entidades, artistas e persoas que decidiron axudarnos. A resposta foi impresionante e demostra, unha vez máis, a enorme solidariedade de Esmelle, Ferrol e de toda a comarca», destacan desde a Asociación Veciñal Valle de Esmelle.
O festival está dedicado a Julieta, unha nena que convive coa síndrome de Rett, unha enfermidade neurolóxica rara, de orixe xenética, que afecta principalmente ás nenas e provoca importantes dificultades na mobilidade, na comunicación e na autonomía persoal.
A finalidade da xornada é dar visibilidade á síndrome de Rett e recadar fondos destinados á súa investigación, contribuíndo ao avance de novos tratamentos e á mellora da calidade de vida das nenas afectadas e das súas familias.
A zona infantil permanecerá aberta de 13.00 a 20.00 horas e contará con obradoiros, touro mecánico e inchables. Todas as actividades desenvolveranse baixo carpa. Durante a xornada haberá polbo, tortilla xigante, bocadillos fríos, pinchos coa consumición e menú infantil de pasta.
O Festival Solidario «El Océano de Julieta» está organizado pola Asociación Veciñal Valle de Esmelle e conta con Multiocio ET como patrocinador principal, ademais da colaboración de preto de 60 empresas, entidades, artistas, colectivos e persoas voluntarias.
A organización convida a toda a veciñanza de Ferrol e da comarca a participar nunha gran xornada de música, humor, actividades infantís, gastronomía e solidariedade.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.


