O presidente da Deputación agradeceu a distinción e destacou o servizo que presta a Garda Civil á cidadanía, especialmente nos concellos e no ámbito rural da provincia.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou nos actos conmemorativos do Día do Pilar, patroa da Garda Civil, celebrados na Comandancia de Lonzas, na Coruña, onde recibiu a Cruz de Prata da Garda Civil.
Formoso agradeceu a concesión desta distinción e trasladou a súa felicitación aos homes e mulleres que integran a Garda Civil e destacou a súa vocación de servizo, profesionalidade e compromiso coa seguridade e coa protección da cidadanía.

Formoso puxo especialmente en valor a presenza da Garda Civil no territorio e o papel que desenvolve nos municipios de menor tamaño e nas zonas rurais, onde constitúe un servizo esencial e próximo para milleiros de veciños.


O presidente da Deputación destacou tamén o traballo diario dos axentes en ámbitos como a seguridade cidadá, a protección das persoas máis vulnerables, a seguridade viaria, a loita contra a delincuencia ou a atención ante situacións de emerxencia.
Durante o acto institucional celebrado na Comandancia da Garda Civil da Coruña impuxéronse distintas condecoracións e recoñecementos e rendeuse homenaxe aos membros do corpo que desenvolveron a súa traxectoria ao servizo da cidadanía.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.