O concelleiro do grupo socialista no Concello de Ferrol Julián Reina cualificou de «pura fachada» a política de vivenda do alcalde de Ferrol á que acusou de limitarse a «camiñar de foto en foto» por obras que dependen doutras administracións e que, no mellor dos casos, non rematarán ata dentro de dezaoito meses —como a recente visita xunto á Xunta ás 49 vivendas en O Bertón—.
Para os socialistas, este autobombo contrasta frontalmente coa realidade cotiá da xestión municipal de vivenda, á que cualificaron de «auténtico caos» ateigado de retrasos inxustificados.
Dende o PSOE denuncian que, mentres o rexedor se dedica á propaganda, a realidade dos proxectos de rehabilitación que dependen directamente do Concello reflicte unha xestión paralizada. Como exemplo, os socialistas apuntan aos expedientes de rehabilitación de envolventes no barrio de Recimil, onde a acumulación de prazos extra e modificacións se converteu na tónica xeral:
Estrada de Castela 8: O proxecto, cun prazo inicial de execución de tan só 4 meses, encadea xa a súa terceira ampliación de prazo solicitada, elevando a previsión de fin ata o 24 de outubro de 2026 debido á falta de coordinación e á demora no soterramentos de cables e acometidas de gas por parte de empresas alleas.
Estrada de Castela 22: Un caso semellante rexistrase neste edificio, onde a previsión inicial tamén se ve forzada a unha segunda ampliación ata o 30 de outubro de 2026 por deficiencias na tramitación con compañias eléctricas e de telecomunicacións, sumado a problemáticas de humidades non resoltas de maneira inmediata polo propio concello.
Rúa Neda 1-4: Outro proxecto de rehabilitación de envolvente que acumula a súa terceira prórroga, desprazando o remate das obras ao 25 de outubro de 2026 polas mesmas eivas de coordinación e inacción con servizos básicos.
Rehabilitación interior de 6 vivendas en Recimil (Lotes 1, 2, 3 e 4): As obras víronse obrigadas a parches importantes e modificacións técnicas —como a aparición de carbonatacións, oxidacións graves na estrutura de formigón en forxados e piares, ou filtracións por capilaridade nos baixos da Rúa Cedeira—, o que obrigou a aprobar proxectos modificados e novas partidas que incrementan os custos entre un 6% e case o 15% segundo o lote, ademais de sumar decenas de días de ampliación e sufrir a suspensión temporal de varios lotes.
“Rey Varela vende futuro cunha absoluta falta de xestión no presente”, reprochou Julián Reina, quen esixiu ao goberno local que deixe de «atopar escusas nas empresas enerxéticas ou terceiros» e empeñe os seus esforzos en sacar adiante con eficacia os bloques e vivendas municipais que as familias ferrolás agardan urxentemente.
Para os socialistas, Ferrol non necesita máis campañas de imaxe, senón planificación, rigor e capacidade de resposta ante os problemas reais do parque público residencial.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.