Cedeira celebra o III Festival de Artes Escénicas “Dende a Nada”

Un ano máis, o programa conxuga espectáculos aberto ao público con obradoiros formativos dirixidos a calquera persoa con interese pola interpretación ou proceso creativo, sen necesidade de experiencia previa.

O Concello de Cedeira celebra a terceira edición do Festival de Artes Escénicas “Dende a Nada” a partir deste mesmo domingo, de novo cun calendario que concentra obradoiros teatrais e espectáculos, da man de tres profesionais de longa traxectoria na creación e interpretación de producións innovadoras que xiraron internacionalmente.

As formacións non van dirixidas exclusivamente a profesionais da interpretación ou estudantes de teatro, senón a calquera persoa que sinta curiosidade polas artes escénicas e queira achegarse ao proceso creativo. Unha función de danza na rúa abrirá este domingo, ás 18.00 horas, o programa.

A compañía coruñesa Exire ofrecerá na praza Roxa, diante da sala Áncora, o espectáculo “Nexos”, co que a compañía coruñesa Exire gañou o premio á mellor coreografía da Plataforma Diálogos Contemporáneos no 18 Festival DZM de Cáceres. A peza trata sobre a complicidade entre dúas persoas, as súas memorias compartidas e a busca incesante desa lembranza que as sostén no tempo. Logo virán os obradoiros, para os que xa está aberta a inscrición.

Os días 17 e 18, sábado e domingo, Helen Baggett impartirá un taller de “Teatro físico”, partindo da súa ampla experiencia con Gecko Theatre. Os días 22 e 23, xoves e venres, a tamén británica Rachel Bown Williams dirixirá o obradoiro sobre “Combate escénico: coreografia con espadas”, e o mesmo 23 desenvolverase outra actividade, titulada “O coro: crear en grupo”, a cargo de Antonio Gil.

O calendario de actividades abrangue tamén dous encontros, un o venres 16 de outubro e outro o mércores 21. No primeiro, ás 11.00 horas no Auditorio, proxectarase a peza audiovisual “The Time of Your Life”, creada pola compañía londinense Gecko arredor dun home que busca unha conexión humana real nun mundo dominado polas redes sociais e a publicidade. O pase está pensado especialmente para o alumnado de secundaria e asistirán os rapaces e rapazas do IES Punta Candieira, pero será aberto a todas as persoas interesadas. Ao finalizar abrirase un coloquio.

O segundo encontro, o día 21, será con Antonio Gil e o alumnado do obradoiro, ás 11.00 hoas no mesmo IES Punta Candieira, sobre a creación en grupo. Todas estas actividades, coordinadas por Joseph Traynor e Simone Jenkinson, estarán complementadas por outros espectáculos que chegan da man do Concello de Cedeira.

Así, o venres 16, ás 20.00 horas no paseo da Mariña, á altura da praza Marieta, ofrecerase a proposta escénica de rúa “Diz-me meu amor”, a cargo de Raquel Ferradás e María de Vicente. Ao día seguinte, o sábado 17, ás 20.00h no Auditorio, a compañía Morraoconto porá en escea “Tromso”, un proxecto multidisciplinar que hibrida teatro, danza, proxeccións, máscaras e música en directo.

O calendario remará o sábado 24 coa peza de danza “Vicenta Lorca”, a cargo da compañía Óscar Cobos. As persoas interesadas en solicitar máis información poden facelo enviando un whatsapp ao número 649876614 ou por correo electrónico, escribindo a enrique.vazquez@cedeira.gal.

As inscricións nos obradoiros deberán realizarse a través da sede electrónica, cubrindo unha solicitude xeral.

Lea también

El escritor ferrolano Héctor J. Castro publica su nueva novela, ‘Los que pudieron reinar’

‘Los que pudieron reinar’ la nueva novela histórica del ferrolano Héctor J. Castro  acaba de …