Xosé Manuel Fernández Varela, decano do Colexio de Avogados de Lugo, exercerá de vicepresidente e continúa como secretario da corporación Augusto Pérez- Cepeda Vila, máximo responsable da avogacía coruñesa
Francisco José Rabuñal Mosquera é o novo presidente do Consello da Avogacía Galega (CAG). O seu nomeamento tivo lugar onte no transcurso do pleno da corporación, celebrado en Santiago de Compostela. O tamén decano do Colexio da Avogacía de Santiago de Compostela sucede no cargo a Luis Torres Foira, que presidiu o CAG durante o último año. Xosé Manuel Fernández Varela, decano do Colexio de Avogados de Lugo, exercerá de vicepresidente, e continúa como secretario da corporación Augusto Pérez- Cepeda Vila, actualmente máximo responsable da avogacía coruñesa.
Francisco Rabuñal é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e conta cunha dilatada traxectoria profesional na xestión institucional. É o máximo responsable do Colexio da Avogacía de Santiago de Compostela dende o ano 2017 e membro da súa xunta de goberno dende o 2003. Así mesmo, é vocal do Consejo General de la Abogacía Española (CGAE) e tamén foi presidente do CAG no ano 2024.
Desde os seus inicios no sector xurídico, traballa en prol da formación da avogacía e polo respecto á deontoloxía profesional. Posúe un profundo coñecemento da realidade xudicial en Galicia, amosando unha postura realista e crítica respecto das necesidades orzamentarias da Administración.
O CAG
O Consello da Avogacía Galega é unha corporación de dereito público integrada polos colexios da avogacía de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Vigo e Santiago) cuxa finalidade é agrupar, coordinar e asumir a súa representación en asuntos de interese común ante a Xunta de Galicia e, en xeral, ante calquera organismo, institución ou persoa, física ou xurídica, en todo o que sexa necesario para o cumprimento dos seus obxectivos.
O CAG tamén ten competencias para colaborar cos poderes públicos na realización e pleno desenvolvemento dos dereitos da persoa e das institucións dentro do seu propio territorio e defender os dereitos dos colexios da avogacía de Galicia e dos seus colexiados.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
