O acto celebrarase a partir das 17.30 horas no Cantón de Molíns. Haberá unha chocolatada gratuíta para todos os maiores asistentes, ademais dunha actuación musical.
A concellería de Política Social, dirixida por Rosa Martínez, celebra o xoves 8, unha homenaxe aos maiores da cidade con motivo do Mes Internacional das Persoas Maiores, unha iniciativa que reivindica un envellecemento activo, saudable e participativo e que pon de manifesto o compromiso municipal con este colectivo.
O acto terá lugar a partir das 17:30 horas, nunha carpa instalada no Cantón de Molíns, onde se renderá homenaxe a preto de vinte persoas maiores, con idades comprendidas entre os 90 e os 102 anos.
“Queremos que sexa unha xornada festiva, unha homenaxe ás persoas que nos deron a vida, que traballaron para sacar adiante ás súas familias, que fixeron cidade e que hoxe merecen todo o noso respecto, admiración e cariño”, destacou a concelleira.
A celebración continuará cunha chocolatada gratuíta, que ofrecerá ás persoas asistentes un espazo de encontro, convivencia e intercambio de experiencias. Como colofón, o cantante Jorge Latino ofrecerá unha actuación musical que porá o broche final a esta xornada de recoñecemento e celebración.
ACTIVIDADES MES DOS MAIORES
A programación do Mes do Maiores continuará esta semana coa viaxe a Lugo prevista para este sábado, con motivo do irmandamento entre ambas as cidades e para gozar das celebracións do San Froilán. A axenda complétase coas diferentes actividades do programa Ferrol Vivo, unha iniciativa formativa destinada a favorecer un envellecemento saudable mediante a combinación de actividade física e estimulación mental, como ferramentas para manter a autonomía e contribuír ao benestar das persoas maiores.
O programa de carácter gratuíto desenvolverase ata o 21 de decembro en tres asociacións veciñais da cidade. En total, serán 33 sesións de 90 minutos.
As actividades están deseñadas para estimular diferentes procesos mentais, como a atención, o cálculo, a creatividade, a memoria, a concentración, a linguaxe e a orientación. Entre as propostas inclúese tamén unha actividade innovadora de “Escritura terapéutica”.
A primeira sesión celebrouse xa o pasado venres na AVV de Ultramar, ás 16:00 horas, e terá continuidade todos os venres. Na AVV de Caranza, as actividades comezarán onte, ás 11:00 horas, e celebraranse todos os luns. Pola súa banda, na AVV de Covas a primeira sesión celebrarase este día 6 ás 18:00 horas, con continuidade todos os martes.
A programación complétase co Programa de envellecemento saudable para maiores de 60 anos, Ximnasia de mantemento, que se desenvolverá na AVV de San Pablo ata o 31 de maio de 2027.
Ademais, durante este mes desenvolveranse os Encontros de Rondallas, que se celebrarán na SCRD Ferrándiz a partir das 19:00 horas. As actuacións continuarán este vernes coa rondalla Airiños de Caranza, o día 16 con Sonidosdel Alba e o día 23 actuará o Real Coro Toxos e Froles.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
