A Universidade da Coruña conmemora o 25 aniversario da primeira promoción de titulados e tituladas en Podoloxía

A Facultade de Enfermaría e Podoloxía celebra, este venres 9 de outubro, no Salón de Actos do Hospital Naval de Ferrol, o Día Internacional da Podoloxía cunha xornada que porá en valor o cuarto de século da titulación e os 26 anos de traxectoria da Clínica Universitaria de Podoloxía.

De esquerda a dereita, o comité organizador do evento, Emma Rodríguez Maseda, Pedro Gil Manso, Carolina Rosende Bautista e Raquel Veiga Seijo | Foto UDC

A Facultade de Enfermaría e Podoloxía da Universidade da Coruña (UDC) conmemora, este venres 9 de outubro, de 12:00 a 14:00 horas, no Salón de Actos do Hospital Naval de Ferrol, o Día Internacional da Podoloxía cun acto no que se celebrarán os 25 anos da primeira promoción de titulados e tituladas en Podoloxía (1998 – 2001) e os 26 anos de traxectoria da Clínica Universitaria de Podoloxía, en funcionamento na cidade departamental desde o 31 de marzo do ano 2000.

Baixo o lema “25 anos de vocación, docencia e servizo á sociedade” e no marco do XII Outubro UDC Saudable, a Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol organiza unha xornada conmemorativa na que o público asistente poderá coñecer máis polo miúdo o percorrido da titulación na Universidade da Coruña (UDC) e achegarse á realidade actual desta profesión a través das vivencias e experiencias dalgunhas das persoas que formaron parte deste cuarto de século de historia: representantes académicos e institucionais, profesorado, alumnado e pacientes.

Neste percorrido adquire especial relevancia a estreita e continuada colaboración entre a Facultade de Enfermaría e Podoloxía e a Área Sanitaria de Ferrol, orientada a ofrecerlle ao alumnado a mellor formación teórica e práctica posible. Froito desta cooperación, estanse a ampliar os espazos de rotación formativa no ámbito podolóxico, grazas á implicación dos e das profesionais da Área Sanitaria.

No acto de inauguración, previsto para as 12:00 horas, participarán a vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; a presidenta do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia, Ana María Requeijo Constenla; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons Formoso; a xerenta da Área Sanitaria de Ferrol, María Fernanda López Crecente, e o decano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Pedro Gil Manso.

Unha ollada ás orixes e á realidade actual da titulación e da Clínica Universitaria de Podoloxía

O programa da xornada conmemorativa inclúe, ás 12:30 horas, unha primeira mesa redonda centrada nas orixes da titulación e da Clínica Universitaria de Podoloxía, situada no Hospital Naval de Ferrol. Intervirán a exsubdirectora e exdirectora da Escola Universitaria de Enfermaría e Podoloxía (1999 – 2005 e 2009 – 2011) e exdecana da Facultade de Enfermaría e Podoloxía (2011 –2016), Nuria Esther Varela Feal; a primeira coordinadora do título de Podoloxía (1998 – 2005), Julia María Janeiro Arocas; e o primeiro coordinador da Clínica Universitaria de Podoloxía (2000 – 2005), Francisco Alonso Tajes.

A perspectiva do alumnado e das persoas usuarias estará representada pola alumna da primeira promoción de diplomados e diplomadas en Podoloxía (1998 -2001), María Dolores Martínez Rodríguez, e máis pola paciente da Clínica Universitaria de Podoloxía desde o ano 2012 e experta en enfermidades autoinmunes, Pilar Pazos Casal.

Ás 13:00 horas dará comezo a segunda mesa redonda co foco posto na realidade actual da titulación e da Clínica Universitaria de Podoloxía. Nela, participarán o decano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Pedro Gil Manso; a directora do Departamento de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña (UDC), Carolina Rosende Bautista; e a directora da Clínica Universitaria de Podoloxía, Raquel Veiga Seijo.

Tamén intervirán o presidente da Asociación Galega de Estudantes de Podoloxía (AGEP UDC) e alumno da XII promoción de graduados e graduadas en Podoloxía (2020 – 2024), Lois Vázquez Campos, e o paciente da Clínica Universitaria de Podoloxía desde o ano 2017 e presidente da Asociación de Diabéticos de Ferrolterra (ADF), José Manuel García Romero.

A xornada concluirá, ás 13:30 horas, cun acto de peche e máis co descubrimento dunha placa conmemorativa nas instalacións da Clínica Universitaria Podolóxica, como lembranza desta efeméride e dunha traxectoria de máis dun cuarto de século vinculada á formación universitaria e ao servizo da sociedade desde Ferrol.

Lea también

El Gobierno local de Ferrol aprueba una línea de crédito de 10 millones para impulsar los proyectos de ciudad

La operación permitirá adelantar la ejecución de actuaciones incluidas en el anexo de inversiones del …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *