A programación desenvolverase do 18 de setembro ao 20 de decembro en distintos espazos da cidade. Volven Os Xoves da Capela, Petís Duplex, Domingos a escena e o ciclo Festea.

O concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, presentou deste venres a programación cultural para o último cuadrimestre do ano, que reunirá máis de 30 propostas de diferentes disciplinas artísticas no Auditorio, teatro Jofre, Centro Torrente Ballester, Centro Cívico de Caranza e nos cines Dúplex.
A programación, dirixida a públicos de todas as idades, inclúe propostas de música, teatro, humor, maxia, danza e ópera, así como habaneiras e zarzuela. As actividades comezarán o 18 de setembro e prolongaranse ata o 20 de decembro.
HABANEIRAS E ZARZUELA
A primeira cita será o 1º Encontro Coral de Habaneiras, de carácter gratuíto, que se celebrará o 18 de setembro ás 19.30 horas no Teatro Jofre. A iniciativa nace coa vocación de converterse nunha das principais referencias culturais e musicais da cidade.
A zarzuela terá tamén un papel destacado nesta programación, con dúas propostas neste mesmo escenario. A primeira será Doña Francisquita, o 19 de setembro ás 20.30 horas, unha das obras máis recoñecidas do xénero, ambientada no Madrid romántico do século XIX. O 21 de novembro, ás 20.30 horas, será a quenda de La Gran Vía, unha obra que combina música e humor arredor da construción dunha gran avenida que atravesará Madrid de leste a oeste.
TEATRO E HUMOR
A programación teatral arrincará o 26 de setembro, no Jofre ás 20.30 horas, con Crónica do rei pasmado, unha comedia baseada na novela do ferrolán Gonzalo Torrente Ballester que aborda cuestións como o poder, a hipocrisía e a liberdade dos sentidos.
O 17 de outubro, ás 20.30 horas, Els Joglars presentará El retablo de las maravillas, coa que Albert Boadella conmemora os seus 65 anos de traxectoria.
O Jofre acollerá tamén A Metamorfose, o 31 de outubro ás 20.30 horas, un espectáculo seleccionado polo Festival de Artes Escénicas de Uruguai (FIDAE) que reflexiona sobre a necesidade do ser humano de ser recoñecido, valorado e amado polo que é.
Os días 7 e 8 de novembro terá lugar a estrea de A Culpa, un thriller teatral que explora a memoria da migración, e cunha interpretación en directo da música orixinal interpretada por un Grupo de Cámara da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Finalmente, o 4 de decembro ás 20.30 horas chegará A Serie Clopen, un espectáculo multidisciplinar que, desde o humor, reflexiona sobre os retos aos que se enfronta a mocidade nun contexto marcado pola incerteza.
No apartado humorístico, destaca o espectáculo América Forever (The Final Refrito) de Goyo Jiménez, que chegará ao Auditorio o 11 de decembro ás 20.30 horas. Trátase dunha recompilación dos mellores momentos da súa triloxía Aiguantulivinamérica.
AMPLA OFERTA MUSICAL
A programación musical contará con nomes destacados do panorama internacional, revelou o edil de Cultura. Así o 3 de outubro, ás 20.30 horas, o Teatro Jofre recibirá a Dani Wilde Band, unha das grandes figuras do blues contemporáneo do Reino Unido e gañador do premio á Mellor Voz nos British Blues Awards.
O Centro Torrente Ballester acollerá o 9 de outubro, ás 20.00 horas, Suite para unha vida, unha proposta que rende homenaxe á vida e á obra de José Suárez, considerado un dos fotógrafos galegos con maior proxección internacional.
Sen esquecernos do artista e compositor DEPEDRO (Jairo Zavala), que actuará o 10 de outubro ás 20.30 horas no Jofre, ao igual que o cantante James Rhodes ofrecerá un concerto, o 23 de outubro ás 21.00 horas no Auditorio, titulado Manía, no que percorre diferentes episodios da súa vida e da súa relación con España.
O 25 de outubro actuarán, no Jofre ás 19.00 horas, Zavala + Chicharrón, unha oportunidade para gozar en directo de dous proxectos onde presentan os seus novos traballos discográficos.
A programación continuará o 14 de novembro no Auditorio con María José Llergo ofrecendo un concerto ás 20.30 horas no que fusionará tradición e vangarda dentro do flamenco. O día seguinte será a quenda do compositor e guitarrista Robert Finley, coñecido pola súa potente voz e unha das máis destacadas do blues e do soul, que actuará no Jofre ás 19.00 horas.
O furacán Marta Ren cumpre 30 anos de carreira e volve aos escenarios con música nova marcando o seu propio estilo, será o 12 de decembro ás 20.30 horas. E o 19 de decembro ás 20.30 horas a Orquestra La Oca Band ofrecerá un musical inspirado no poema de Curros Enríquez, Unha Noite na Eira do Trigo.
A programación musical pecharase o 20 de decembro ás 19.00 horas coa Xira de Nadal 30º Aniversario do Grammy ‘Santiago’ de Carlos Núñez, un concerto que propón unha viaxe no tempo a través do repertorio e das experiencias dunha época fundamental na súa carreira. Estas tres actuacións terán lugar no Jofre.
MÚSICA CLÁSICA E ÓPERA
Neste cuadrimestre continuará o ciclo de música clásica organizado pola Sociedade Filarmónica Ferrolana. Así a tempada abrirase o 2 de outubro cun concerto da Real Filharmonía de Galicia ás 20:00 horas no Auditorio, baixo a dirección de Baldur Brönnimann e xunto a solista Katrin Wundsam.
A programación continuará o 27 de outubro ás 20.00 horas cunha adaptación para musette de Las Cuatro Estaciones de Antonio Vivaldi, un concerto dirixido por Manuel Vilas. O 29 de outubro ás 20.30 horas chegará a ópera La Flauta Mágica de Mozart, unha produción que é pura fantasía ambientada na serie Stargate, unha produción que pon fin a a este ciclo de propostas. O Jofre é o escenario destas dúas actuacións.
A Real Filharmonía de Galicia regresará o 13 de novembro ao Auditorio coa estrea de Contrafactum, ás ordes do director Jordi Francés. A Sociedad Filharmónica Ferrolana trae tamén o concerto do Cuarteto Schubert, que soará o 9 de decembro ás 20.00 horas. Para finalizar este ciclo, a Orquesta Sinfónica de Galicia danos a oportunidade de escoitar a Roberto González Monjas como director e solista de violín, o 17 de decembro ás 20:00 horas.
PROPOSTAS FAMILIARES
A programación familiar contará con diferentes espectáculos pensados para compartir o tempo de lecer. Así o 30 de outubro ás 17.00 horas no Auditorio chegará Luli Pampín con El libro musical, un show para toda a familia fomentando o hábito da lectura nos nenos e nenas con cancións e bailes.
O 29 de novembro, con funcións ás 12.30 horas e ás 17.00 horas, regresa CantaJuego-Yo quiero ser… que invita aos nenos a descubrir con cancións, bailes e momentos interactivos o poder de xogar e da imaxinación. A programación familiar completarase os días 5 e 6 de decembro no Jofre coa Gran Gala Internacional de maxia Galicia Ilusiona, un espectáculo cos mellores magos do mundo
Para os amantes da danza, Ponte Far anunciou tamén o cartel de actuacións como El Lago de los Cisnes, un espectáculo no que os bailaríns do Ballet de Kiev volven aos escenarios máis prestixiosos de España baixo a dirección do mestre Ishchuk. Poderase disfrutar deste espectáculo o 16 de outubro no Auditorio a partir das 20.30 horas.
O 24 de outubro ás 20.30 horas, Nortear pisará o escenario do Teatro Jofre cun proxecto escénico formado por mulleres. E o 28 de novembro ás 20.30 horas Cali Danza representará o espectáculo Núa, unha peza contemporánea interpretada tamén por mulleres.
XOVES DA CAPELA E DOMINGOS A ESCENA
Ademais, retómase o ciclo de Os Xoves da Capela no Torrente Ballester con diferentes estilos musicais como o blues, soul, funky…coa banda Shug R’Band o 8 de outubro, coa compositora Leticia Rey o día 5 de novembro e o 10 de decembro será As Pías o grupo que actuará.
Tamén regresa o ciclo de Domingos a escena todos os domingos ás 19:00 horas no Centro Cívico de Caranza e o ciclo de cine infantil Petís Duplex do 6 de setembro ao 27 de decembro, así como Festea 2026 do 17 de outubro ao 15 de novembro.
“Unha programación completa e variada pensada para todos os públicos, polo que invitamos a gozar dela”, concluíu o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far.
Folleto programación cultural setembro decembro Concello de Ferrol
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.