O investimento provincial financiará o 73% dun proxecto de 611.313 euros que permitirá crear 45 prazas para crianzas de 0 a 3 anos. Valentín González Formoso e o alcalde, Alberto González, asinaron o convenio para construír o novo centro na rúa do Ensino.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, asinaron na Casa do Concello o convenio de colaboración que permitirá construír a nova escola infantil pública do municipio.
A Deputación achegará 450.000 euros, o 73% do investimento total previsto, que ascende a 611.313 euros. O novo centro contará con 45 prazas para nenos de 0 a 3 anos, máis do dobre das que ofrece actualmente o Punto de Atención á Infancia do municipio, limitado a 20 prazas.
A actuación permitirá dar resposta á crecente demanda de prazas de primeiro ciclo de educación infantil nun municipio que nos últimos anos vén atraendo novas familias, favorecido tamén pola súa proximidade con Ferrol. O actual equipamento resulta insuficiente para atender as necesidades de conciliación da veciñanza.
A nova escola infantil reforzará así os servizos públicos municipais e facilitará a conciliación da vida laboral e familiar, contribuíndo ao mesmo tempo a crear condicións que favorezan a fixación de poboación e a incorporación e permanencia no mercado laboral.
Un novo centro de máis de 320 metros cadrados
O proxecto contempla a construción dun edificio de nova planta na rúa do Ensino, sobre unha parcela municipal e cunha superficie construída superior aos 320 metros cadrados.
As instalacións distribuiranse en tres aulas adaptadas ás diferentes etapas de idade, de 0 a 1 ano, de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos, cunha capacidade conxunta de 45 prazas.
O edificio disporá tamén dunha sala de usos múltiples e comedor, cociña, espazos administrativos, vestiarios, zonas de descanso para as crianzas e dependencias destinadas aos servizos técnicos e de limpeza, configurando un equipamento moderno e adaptado ás necesidades educativas e asistenciais da primeira infancia.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.


