Pantín dá a benvida ó proxecto de promoción do consumo de peixe galego “Pesca Saúde”

Coincidindo co campionato de surf, unha das foodtrucks da iniciativa ofrecerá esta fin de semana degustacións e información nutricional sobre os beneficios dos produtos do mar de Galicia

O GALP A Mariña-Ortegal, do que forma parte o Concello de Valdoviño, trae esta fin de semana á localidade as actividades do proxecto «Pesca Saúde». En concreto, e coincidindo coa celebración do Abanca Pantín Classic Galicia Pro, estará presente na praia de Pantín cunha foodtruck e un espazo promocional e divulgativo onde gastronomía, nutrición e actividade física se darán a man.

O obxectivo é promover o consumo de produto pesqueiro galego como hábito de vida saudable, achegando á cidadanía información sobre os beneficios do peixe, o mariscos e outros produtos do mar para a saúde e o benestar. Así, ao longo das xornadas do sábado e do domingo, ofreceranse degustacións elaboradas con produtos do mar galego e de proximidade, acompañadas de información nutricional e material divulgativo.

A proposta gastronómica articúlase arredor do concepto “Antes da Onda / Despois da Onda”, establecendo unha clara diferenciación entre as necesidades nutricionais antes e despois da práctica de exercicio físico. Así, “Antes da Onda” está pensada para os momentos previos ao esforzo físico, cunha proposta fresca, equilibrada e de fácil dixestión: crocante de pan de millo con bonito curado e tomate soasado, na que o bonito achega proteína magra e graxas omega-3.

Pola súa banda, “Despois da Onda” está orientada á recuperación muscular tras o exercicio intenso, cun brioche de mexillón galego en escabeche emulsionado e codium, rico en proteína, ferro e minerais esenciais.

Sábado 29 de agosto

11:30 horas Apertura da foodtruck e benvida oficial.

11:45–12:45 horas Degustación “Antes das Ondas”.

13:45–14:45 horas Degustación “Despois das Ondas”.

Punto informativo de 11:30 a 14:45 horas e de 17:00 a 19:00 horas

 Domingo 30 de agosto

11:00–12:00 horas. Degustación “Antes das Ondas”.

13:00–14:00 horas. Degustación “Despois das Ondas”.

Punto informativo de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 17:00 horas

A iniciativa está financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar e conta coa participación de sete GALP do litoral galego, entre eles o GALP A Mariña-Ortegal, así como coa colaboración da Consellería de Sanidade.

Lea también

Pantín Classic vuelve a convertirse en escenario de artesanos y productores locales

Valdoviño promueve varios puestos en el market del evento con la presenza de Ay Carmen!, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *