Cómpre lembrar que a lingua azul non afecta ás persoas, senón só aos animais ruminantes, e non existe posibilidade de contaxio nin risco para as persoas polo consumo de produtos (carne ou leite) procedentes de animais afectados.

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun animal bovino infectado polo serotipo 3 da lingua azul, confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), nunha explotación da provincia de Lugo. Este foco tense que notificar oficialmente ao MAPA ao ser o primeiro caso detectado do serotipo 3 nesta provincia.
Este foco de lingua azul na provincia lucense é o cuarto notificado en Galicia e súmase aos tres detectados en xullo pasado en Lugo e na Coruña, comunicados tamén ao Ministerio e que foron os primeiros de 2026 na nosa comunidade desde a finalización, en abril, do período invernal libre de circulación do vector transmisor (insectos do xénero Culicoides spp).
A explotación bovina afectada está localizada no concello de Chantada e foi detectada por vixilancia pasiva do seu titular, quen comunicou aos servizos veterinarios oficiais a sospeita de enfermidade no marco do programa de vixilancia da presenza da lingua azul que desenvolve anualmente a Xunta de Galicia. Tras as análises efectuadas, confirmouse en laboratorio a circulación do serotipo 3.
Cómpre lembrar que os serotipos presentes desta doenza na nosa comunidade durante o ano 2025 foron tamén o 3 e o 8, que afectaron ás catro provincias galegas. O 4 non foi detectado en Galicia nin en 2025 nin ata a data en 2026, froito das campañas de vacinación obrigatorias levadas a cabo nos anos precedentes.
Vacinación voluntaria, pero recomendable
Hai que sinalar que desde o ano 2025 en España xa non existe un programa de erradicación con vacinación obrigatoria fronte esta doenza. Malia iso, a Xunta de Galicia continúa a recomendar a vacinación voluntaria de bovinos e ovinos como medida de protección e de contención do avance da enfermidade.
As vacinas fronte estes serotipos, e máis o resto dos circulantes en España, poden adquirirse nas canles comerciais habituais de subministración de medicamentos veterinarios coa prescrición correspondente. Ademais, por parte da Consellería do Medio Rural continúa a distribución gratuíta de doses vacinais fronte ao serotipo 4 para o gando bovino e ovino, e fronte os 3 e 8 para o gando ovino, especie que adoita presentar unha sintomatoloxía clínica máis acusada.
Así mesmo, recoméndase evitar nas instalacións gandeiras as zonas de cría dos insectos vectores (zonas húmidas con materia orgánica, terra ou estercos) e a realización periódica de desinsectación de animais, instalacións e vehículos
de transporte de gando. Lémbrase ademais a obriga das persoas gandeiras de comunicar aos servizos veterinarios oficiais de Medio Rural calquera sospeita da enfermidade que detecten na súa cabana.
Con todo, cómpre lembrar que a lingua azul non afecta ás persoas, senón só aos animais ruminantes, que ademais non se contaxian entre eles, só a través da picadura dun insecto vector transmisor. Tampouco existe ningunha posibilidade de contaxio nin risco para as persoas polo consumo de produtos (carne ou leite) procedentes de animais afectados.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.