O Concello de Cedeira informa da inmediata adopción de varias medidas excepcionais de aforro de auga ante a situación de escaseza deste recurso fundamental.
Este mesmo martes, día de inicio das Festas da Patroa, cancélase a Festa da Escuma que estaba prevista na praza Roxa a partir das 22.30 horas, ainda que se mantén no mesmo lugar e á mesma hora o Entroido de Verán coa música de Discomóbil CDC.
Desde o goberno municipal notificouse tamén que se pechan as duchas nas praias e se suprimen os regos das zonas verdes e parques públicos do municipio. Ao tempo que se adoptan ditas medidas, desde o Concello se pide a colaboración de toda a veciñanza para aforrar auga nas circunstancias actuais.
Aconséllase non regar con auga potable, non encher nin repoñer auga nas piscinas particulares, non lavar os coches nin baldear patios, terrazas e demáis espazos exteriores con auga potable, non empregar elementos decorativos ou recreativos que consuman auga e poñer coidado en pechar as billas cando non sexa necesaria a auga e empregar a lavadora ou o lavalouzas só coa carga completa.
O Concello de Cedeira subliña que a situación de seca é crítica e que é indispensable que todos e todas colaboremos en facer un uso responsable da auga para garantir o consumo humano nas vindeiras semanas.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
