Prazo aberto en Valdoviño para que as escolas de surf presenten a súa oferta de turismo activo

Concederánse un máximo de 15 autorizacións en todos os areais agás Campelo, reservado para a práctica do surf libre.

Tras a súa aprobación no pleno extraordinario celebrado en marzo, o Diario Oficial de Galicia publicou o anuncio das bases que rexerán o proceso para a concesión de permisos de actividade das escolas de surf e disciplinas afíns nas praias de Valdoviño.

A partir deste xoves 2 de abril, ábrese un prazo de 10 días naturais para que as escolas interesadas en desenvolver os seus programas de turismo activo no municipio poidan presentar a correspondente solicitude a través da sede electrónica e rexistro municipal da casa consistorial.

As citadas bases establecen un tope máximo de 15 autorizacións en todas as praias, agás Campelo, que se reserva para a práctica do surf libre. É unha das principais novidades respecto á normativa anterior, que fixaba un número máximo de 8 no caso da praia de Pantín. Así mesmo, os permisos concederanse para toda a tempada (os 12 meses do ano), cunha vixencia anual con posibilidade de 3 prórrogas.

As autorizacións tramitaranse a través dun proceso aberto en réxime de concorrencia competitiva, e entre os criterios a valorar están: o plan de explotación, calidade e interese público da proposta, con 30 puntos; o arraigo con 25; a cualificación do persoal, as medidas de seguridade e emerxencias e as medidas ambientais e de protección do litoral, cada un con 15 puntos. Así mesmo, mantense o requisito de promover accións de carácter educativo, cultural, social ou medio ambiental en beneficio da comunidade.

O pasado 25 de febreiro, a Consellería de Medio Ambiente informaba favorablemente á petición do Concello de asumir a competencia no tocante ás autorizacións para a ocupación e utilización dos terreos e bens de dominio público marítimo-terrestre mediante as instalacións e actividades descritas no plan municipal de explotación dos servizos de tempada. Unha condición imprescindible despois de que o Goberno central traspasase ao autonómico as funcións e servizos en materia de ordenación e xestión do litoral.

En todo caso, e co visto bo da Xunta, a situación manterase en Valdoviño, xa que a Administración local era a encargada das autorizacións.

Enlace ás bases: https://acortar.link/7ktIUQ

Lea también

El XXIV Triatlón de Ferrol acoge el clasificatorio Youth para el Campeonato de Europa

El XXIV Triatlón de Ferrol será escenario el próximo 18 de julio del clasificatorio Youth …