A Deputación da Coruña presenta o ciclo de concertos ‘Marcial del Adalid. Piano a catro mans’

A iniciativa divulgará a obra para piano a catro mans do compositor coruñés a través da súa interpretación integral polo Dúo Scaramouche, integrado polos catedráticos Javier Ares e Jorge Briones. A iniciativa divulgará a obra para piano a catro mans do compositor coruñés a través da súa interpretación integral polo Dúo Scaramouche, integrado polos catedráticos Javier Ares e Jorge Briones.

A Deputación da Coruña presentou o ciclo de concertos ‘Marcial del Adalid. Piano a 4 mans’, unha proposta impulsada pola Área de Cultura no marco do bicentenario do nacemento do compositor coruñés Marcial del Adalid (A Coruña, 1826 – Oleiros, 1881). No acto participaron a deputada de Cultura, Natividade González; o doutor pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrático de piano no Conservatorio Superior de Música da Coruña, Javier Ares Espiño; e o catedrático de piano acompañante no mesmo centro, Jorge Briones Martínez.

Durante a presentación, a deputada de Cultura, Natividade González, expresou a súa «satisfacción por presentar hoxe aquí o ciclo de concertos polo bicentenario de Marcial del Adalid, unha das figuras máis importantes da música galega no século XIX e un referente fundamental do noso rexurdimento cultural». Neste sentido, explicou que a iniciativa non só pretende render homenaxe á súa figura, senón tamén achegar a súa obra á cidadanía, poñendo en valor un legado musical que forma parte da identidade colectiva.

Ademais, destacou que Adalid foi «un pioneiro na incorporación da música popular galega á creación da música culta, contribuíndo a definir unha voz propia dentro do panorama musical europeo da súa época».

A música como diálogo e experiencia compartida

Pola súa banda, Javier Ares Espiño cualificou o ciclo como «especialmente significativo, tanto polo seu contido artístico como polo seu valor cultural e patrimonial» e agradeceu á Deputación da Coruña «o seu apoio á cultura e especialmente a súa aposta por proxectos que teñen por obxectivo a recuperación e difusión do noso patrimonio musical».

O catedrático fixo un repaso pola traxectoria de Marcial del Adalid e considerou o ciclo «unha oportunidade única para volver a ollada cara á súa obra, redescubrila e situala no lugar que merece», ao tempo que subliñou que «a súa música, especialmente a produción para piano, destaca pola riqueza expresiva, polo coidado da forma e por unha sensibilidade que segue a resultar sorprendentemente actual».

Así mesmo, explicou que a proposta presentada «ten un enfoque moi concreto: ofrecerlle ao público a integral da música para piano a catro mans», un formato que historicamente foi «un espazo privilexiado para a socialización», polo que tamén representa «unha forma de entender a música como encontro, como diálogo e experiencia compartida».

Abranguer o máximo territorio posíbel

Pola súa banda, Jorge Briones destacou que «este proxecto forma parte dalgo moi especial para nós» e explicou que, por ese motivo, se procurou abranguer o máximo posíbel do territorio da provincia mediante a escolla de lugares representativos.

Durante a súa intervención fixo un repaso polos espazos que percorrerá o ciclo: 10 de abril, ás 20:30 horas, no teatro Jofre de Ferrol; 27 de abril, ás 19:00 h, no Conservatorio Profesional de Música das Pontes de García Rodríguez; 12 de xuño, ás 20:30 horas, na Igrexa de Santa María de Azogue de Betanzos; 13 de xuño, ás 20:30 horas, no Teatro da Beneficencia de Ortigueira; e 27 de xuño, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vimianzo. O profesor e músico convidou a cidadanía a achegarse aos concertos, lembrando que a entrada será de balde até completar a cabida.

Repertorio

O repertorio do ciclo inclúe pezas como Andantino, Minuetto e Trio, a Marcha fúnebre Op. 3 e dúas sonatas completas para piano a catro mans, xunto con tres marchas —en do menor, mi maior e re menor—, configurando un programa que combina obras de carácter íntimo e expresivo con outras de maior brillantez e desenvolvemento formal, ofrecendo unha visión ampla e representativa desta parte esencial da produción de Adalid.

Lea también

Exponav acoge una conferencia magistral sobre la influencia de Álvaro de Bazán en la construcción naval del siglo XVI

    El museo de la Construcción Naval de Ferrol (EXPONAV) será escenario hoy miércoles …