I Copa da Deputación da Coruña de Baile Deportivo

A Deputación de A Coruña invita á cidadanía a acudir ao Pazo dos Deportes de Riazor para gozar dun evento espectacular, cheo de música, danza e enerxía e con entradas gratuítas. A proba será puntuable para o ránking nacional.

O Pazo dos Deportes de Riazor convértese este sábado 13 de decembro, na capital galega do baile deportivo coa celebración da I Copa Deputación da Coruña de Baile Deportivo, unha competición oficial nas modalidades de Latinos e Danza Coreográfica que reunirá máis de 300 bailaríns procedentes de toda España e tamén de Portugal. O evento, totalmente gratuíto para o público, desenvolverase entre as 10:30 e as 21:00 horas, coas probas da Copa Deputación programadas entre as 16:00 e as 19:00 horas.

A presentación tivo lugar na Deputación da Coruña e contou coa participación do presidente provincial, Valentín González Formoso; o deputado de Deportes, Antonio Leira; e a responsable da organización e xerente da escola de danza UPA Un Paso Adelante de Narón, Sandra García.

Formoso subliñou que a institución provincial mantén un compromiso firme con todos os deportes da provincia “desde os grandes equipos ata os clubs máis pequenos”, e lembrou que ás tradicionais Copas Deputación de fútbol, baloncesto ou balonmán “súmase agora esta nova Copa Deputación de Baile Deportivo, que aspira a dar visibilidade a unha disciplina espectacular e en pleno crecemento”.

O presidente provincial animou á cidadanía a achegarse este sábado ao pavillón de Riazor para desfrutar dun “espectáculo moi vistoso, que encherá o Pazo de música, enerxía e danza”, lembrando que tanto as inscricións como as entradas son “completamente gratuítas para fomentar a máxima participación e achegar este deporte ao gran público”.

A organizadora do evento, Sandra García, puxo en valor que esta é “a primeira vez en Galicia que un evento destas características é gratuíto para o público”, e convidou á cidadanía a descubrir unha competición “única e sorprendente”. Explicou que ao longo da xornada se disputarán probas nas categorías standard, latinos e danza coreográfica, con participación en grupo, parellas e individuais, e salientou que entre os inscritos figuran parellas e grupos recoñecidos internacionalmente, incluíndo campións do mundo. “De 16:00 a 19:00 disputarase a Copa Deputación, así que ninguén o pode perder”, afirmou.

Pola súa banda, o deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que “a Deputación quere abrir espazos a todos os deportes, tamén aos menos coñecidos, garantindo que teñan a mesma oportunidade de medrar, chegar ao público e consolidarse no tempo”. A incorporación do baile deportivo ao calendario das Copas Deputación “permitirá dar un salto cualitativo na difusión dunha disciplina con moita base nas escolas de danza de toda a provincia e un alto nivel competitivo en Galicia”.

Copa puntuable para o ránking nacional

A competición desenvolverase baixo o regulamento da Federación Española de Baile Deportivo (FEBD) e contará cun panel de sete xuíces encargados de avaliar as coreografías mediante o sistema skating, no caso de parellas e single, e o sistema AJS adaptado á danza coreográfica. A Copa será puntuable para o ránking nacional e aplicarase unha escala de valoración de entre 3 e 8 puntos con intervalos de 0,25.

As inscricións xa superaron a cifra dos 300 deportistas, cunha participación maioritaria de bailaríns procedentes de Galicia, mais tamén doutras comunidades autónomas e de Portugal

O máis importante é achegar este deporte a un público amplo e tal vez fomentar novas vocacións de bailaríns” concluíu Sandra García.

Lea también

El Baxi Ferrol no da con la tecla en su visita al Ingeniería Ambiental CAB Estepona

Adán Puentes (X: @adanpuentes | IG: @adanpuentes89) Este mes de enero se le sigue atragantando …