O alcalde e a conselleira de Traballo visitaron o obradoiro «Ferrol verde»

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e a conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato, visitaron o obradoiro “Ferrol Verde”, que se está a desenvolver no Centro Municipal de Emprego do Concello de Ferrol e no que participan dende este mes e até mediados de 2013 un total de 30 persoas demandantes de emprego. As Administracións autonómica e local colaboran na realización desta actuación, que se enmarca dentro das políticas activas de emprego, e na que se invisten 300.000 euros –dos cales, a Consellería de Beatriz Mato achega ao redor de 260.000, e o resto procede das arcas municipais-.

 Colabouración autonómica

Na súa intervención, o rexedor ferrolán agradeceu á titular autonómica a súa disposición a colaborar con esta iniciativa, recordando que dende o ano 2005 Ferrol non contaba cun obradoiro de emprego. Neste sentido, Rey Varela apuntou que “Ferrol Verde” permitirá un dobre obxectivo. Por un lado, ofrecer aos alumnos/as unha formación especializada en xardinería; e por outro, converter en zonas verdes e axardinadas espazos da cidade que hoxe se atopan degradados; posto que a parte práctica do obradoiro consistirá en levar a cabo intervencións en varias parcelas do Ensanche, nomeadamente situadas nas rúas México, Barbeito e Venezuela. “Con este obradoiro tamén estamos contribuíndo ao desenvolvemento dun dos eixes do noso proxecto de cidade, que pasa por ter un Ferrol máis verde e para o que temos proxectadas actuacións na praza de España, no Cantón de Molíns e no parque Raíña Sofía; ademais das actuacións de formación en xardinería que levaremos a cabo a través do Urban e coas que actuaremos nos xardíns de San Francisco e en zonas de Ferrol Vello e Canido”, apuntou o alcalde. Así mesmo, o primeiro edil da cidade sinalou que con estas iniciativas “dende o Concello tamén estamos a contribuír, na medida das nosas posibilidades, a mellorar os datos de emprego”.

Aposta do goberno galego

Pola súa banda, a titular de Traballo e Benestar manifestou que “este esforzo enmárcase na posta firme do Goberno galego pola mellora da empregabilidade das persoas desempregadas en Galicia”; ao tempo que lembrou que os obradoiros de emprego ofrecen, ademais do acceso das persoas desempregadas a un posto de traballo, unha formación teórica e práctica orientada ás demandas reais do mercado laboral. Un 70 por cento dos alumnos que participan en obradoiros de emprego soe acadar a inserción real no mercado de traballo. Así mesmo,  Beatriz Mato declarou que estas iniciativas conlevan a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade e abren “un importante espazo de cooperación cos concellos”. Neste sentido, a conselleira subliñou que en 2013 seguirase a apostar pola cooperación entre os concellos e, por iso, darase prioridade aos concellos que conten cun mínimo de 500 persoas desempregadas e a a aqueles que coordinen as súas solicitudes e mancomunen obras e servizos.

Un total de 43 obradoiros en toda Galicia

No último trimestre deste ano, Traballo puxo en marcha en Galicia un total de 43 obradoiros de emprego nos que están a participar 1.300 beneficiarios (1.134 alumnos e 200 docentes). Nesta actuación estanse a investir 10 millóns de euros. A conselleira indicou que destes 43 obradoiros, 15 están a executarse na provincia da Coruña coa participación de 371 alumnos e un investimento de 3,2 millóns de euros. Mato sinalou, así mesmo, que ademais de reforzar os obradoiros de emprego, os orzamentos de 2013 tamén apostan polos cursos de formación de calidade para desempregados.

En definitiva, a titular de Traballo destacou que en 2013, no área laboral, a Xunta seguirá tendo como destinatarios prioritarios das súas accións ás persoas desempregadas. “A eles queremos proporcionarlles todas as ferramentas e habilidades que sexan posibles para ampliar as súas posibilidades de atopar un posto de traballo”, resaltou.

Escola infantil de Esteiro

Por outra banda, Mato anunciou en Ferrol que a Consellería xa está a ultimar os trámites para que poidan comezar canto antes as obras da escola infantil de Esteiro. Neste senso, explicou que nos próximos días vaise formalizar a posta a disposición da Fundación Amancio Ortega da parcela para a construción deste centro. Unha vez que se dea este paso, que terá lugar de forma inminente, presentarase oficialmente o proxecto ao Concello e “xa estará todo listo para que comecen as obras”.

A nova escola contará con 5 unidades e porá a disposición das familias de Ferrol un total de 82 prazas de educación infantil para nenos de 0 a 3 anos. A infraestrutura construirase en virtude do convenio asinado entre a Fundación Amancio Ortega, o Concello de Ferrol e a Consellería de Traballo e Benestar. Segundo este acordo, a Fundación Amancio Ortega vai investir 1,2 millóns de euros na construción e equipamento do centro. Pola súa banda, o Concello cede a parcela, mentres que o departamento autonómico comprométese ao mantemento da escola infantil. A posta en marcha da escola de Esteiro elevará a 258 as prazas en escolas infantís da Rede A Galiña Azul no concello de Ferrol. Esta cifra supón un incremento do 91 por cento con respecto ás prazas que había en 2009.

Mato lembrou que na pasada lexislatura, o Goberno galego creou preto de 3.000 prazas en escolas infantís, un 55 por cento máis das que había en 2009. Nesta nova lexislatura, a conselleira destacou que a Administración pública seguirá a traballar nesta liña e, así, avanzou que se ten previsto poñer en marcha 3.500 novas prazas en escolas infantís públicas, das que 2.500 xa están planificadas. A titular de Benestar resaltou que esta aposta enmárcase no obxectivo da Xunta de facilitar ás familias galegas a conciliación da vida familiar e laboral, un dos eixos do Plan de Dinamización Demográfica que se porá en marcha nesta lexislatura.

Centro de Soutomaior

En resposta ás preguntas dos xornalistas sobre un posible uso temporal do centro de Soutomaior como residencia universitaria, a conselleira de Traballo e Benestar explicou que se están a manter conversacións a tres bandas (Concello de Ferrol, Universidade da Coruña e Consellería) co obxectivo de desenvolver un convenio de colaboración para acadar a cesión temporal do edificio.

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …