Un total de 32 centros de toda Galicia participan neste procedemento para a acreditación da experiencia adquirida polo desempeño laboral en 25 familias.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a impulsar o procedemento de acreditación de competencias profesionais a través do cal se certifica a experiencia adquirida polos traballadores na súa traxectoria laboral e anima tanto aos distintos sectores como ás empresas a sumarse a esta acción da que Galicia é pioneira.
Así o salientou na mañá deste martes a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, que participou no Centro Integrado de FP Ferrolterra nunha xornada informativa sobre o ARA Empresa, un procedemento áxil e sen custo para os participantes dirixido a traballadores e ás empresas. Neste caso a xornada está centrada nun sector estratéxico da comarca como é o naval. De feito, na sesión participaron arredor de medio centro de firmas do naval, entre empresas matrices e auxiliares.
A representante da Xunta de Galicia salientou a importancia destes procedementos na medida en que benefician aos traballadores e ás empresas ao tempo que se potencia a relación entre os sectores produtivos e os centros de FP. Ademais explicou que, co fin de facilitar o proceso, desde a Administración autonómica dáse a posibilidade de que as acreditacións se fagan de xeito colectivo por empresas e sectores, en lugar de facelo a nivel individual, o que axiliza moito máis os sistema.
No evento, que abriu o director do Ferrolterra, Enrique Pazo, tamén interviron o presidente da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), Cristóbal Dobarro; o presidente da Asociación Clúster do Naval Galego (ACLUNAGA), Manuel Vázquez, e Cibrán Souto, do departamento de Recursos Humanos da empresa Aluminios Cortizo.
Plan FPGal360
O procedemento ARA de Avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais, enmarcado nun dos obxectivos do Plan FPGal360, é un procedemento oficial impulsado para recoñecer as competencias que un traballador ten adquiridas a través da experiencia laboral ou da formación non formal. Isto permite que persoas sen titulaciónoficial poidan acreditar os seus coñecementos e destrezas nun eido profesional concreto obtendo certificados válidos para acceder a formación, emprego ou promoción interna.
En Galicia participan neste proceso un total de 32 centros educativos para recoñecer oficialmente as competencias profesionais en calquera das 25 familias impartidas da comunidade autónoma.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.