As Pontes reforza o programa de atención temperá coa colaboración dos centros educativos

O xoves 2 de outubro celebrouse unha reunión convocada pola concelleira de Benestar Social, Tania Pardo, na que participaron os equipos directivos, representantes dos departamentos de orientación e profesorado de pedagoxía terapéutica dos centros de educación primaria das Pontes, representantes da escola infantil, persoal técnico do Concello e profesionais do programa de atención temperá, entre os que se atopan a logopeda, psicóloga e terapeuta ocupacional.

O obxectivo principal deste encontro foi informar sobre o funcionamento do programa de atención temperá e destacar a importancia dunha coordinación estreita entre os centros educativos, o servizo de pediatría e os servizos sociais. Esta colaboración é fundamental para detectar as necesidades dos menores de 0 a 6 anos e facer as derivacións oportunas ao servizo, garantindo unha atención rápida e eficaz.

Durante a reunión, ademais de presentar os protocolos de derivación e o equipo profesional que conforma o servizo, abordáronse as dúbidas e suxerencias dos asistentes co fin de continuar mellorando esta prestación fundamental para o desenvolvemento infantil.

O programa de atención temperá do Concello das Pontes, financiado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, está dirixido a nenos e nenas de entre 0 e 6 anos e ás súas familias, prestando servizos individualizados de logopedia, terapia ocupacional e psicoloxía. Segundo explicou a concelleira Tania Pardo, “o programa permite ofrecer unha atención integral nun momento clave do desenvolvemento psicomotriz da infancia, para que adquiran habilidades básicas como falar, moverse ou identificar a outras persoas, potenciando as súas capacidades e favorecendo a integración na súa contorna.”

No ámbito da logopedia, trabállase na comunicación e as súas alteracións para mellorar a linguaxe, a fala, a voz e a deglución. Pola súa banda, a terapia ocupacional céntrase nos aspectos relacionais, lúdicos e funcionais, mentres que o servizo de psicoloxía ofrece unha atención integral que abarca os ámbitos cognitivo, social, emocional, motor, condutual e comunicativo.

O acceso ao servizo realízase a través da área de Pedagoxía do departamento de Benestar Social, que valora e determina a inclusión dos menores no programa. Este encontro reflicte o compromiso do Concello das Pontes para garantir unha atención de calidade que contribúa ao desenvolvemento óptimo dos menores e ao benestar das súas familias.

Lea también

Un robo en la caseta de socorrismo de Vilarrube, Valdoviño, deja sin servicio la jornada en la playa

El Ayuntamiento de Valdoviño informaba en la mañana de este sábado, día 11 de julio, …