Formoso destaca que se trata dun dos maiores programas de impulso ao consumo de proximidade activado en Galicia, co que a Deputación pretende mobilizar 25 millóns de euros en vendas no pequeno comercio.

A Deputación da Coruña presentou este luns o programa MercaNaVila, unha ambiciosa iniciativa para apoiar o comercio de proximidade nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. O acto contou coa participación do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, as deputadas provinciais Rosa Ana García, responsable da área de Emprego, Industria e Medio Ambiente, e Avia Veira, o portavoz do Goberno provincial Bernardo Fernández e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas.
Con 6 millóns de euros de orzamento, MercaNaVila permitirá que a cidadanía maior de idade acceda a descontos de ata 100 euros por persoa para realizar compras en establecementos comerciais locais adheridos á campaña. Os descontos serán directos, de entre 5 e 15 euros por compra, segundo o importe, e están deseñados para activar o consumo, apoiar ás pequenas empresas locais e dinamizar a vida económica e social das vilas medianas e pequenas.
O prazo de inscrición dos comercios comezou hoxe e estímase que se adherirán ao programa arredor de 2.500 comercios, o que permitirá mobilizar preto de 25 millóns de euros en vendas no comercio local, nun dos maiores programas de impulso ao consumo de proximidade activado en Galicia nos últimos anos, segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que incidiu en que “a Xunta de orzamenta 7,5 millóns de euros para toda Galicia este ano en programas como este, mentres que a Deputación orzamenta 6 millóns de euros para unha soa provincia e para concellos de menos de 20.000 habitantes. É polo tanto un programa moi ambicioso e que esperamos que teña unha importante aceptación por parte de comercios e consumidores e un importante impacto no pequeno comercio da provincia”.
“Despois de pisar as rúas durante moito tempo percibimos que o comercio local é un sector que é fundamental para as economías locais e para a vida dos nosos pobos. Un sector que non só xera emprego e dinamiza a economía, senón que tamén xoga un papel esencial na cohesión social das aldeas e vilas. A pesar diso, nos últimos oito anos está pechando unha tenda diaria. Levamos preto de 1.900 tendas e comercios perdidos neste tempo só na provincia da Coruña. É unha cifra que nos preocupa e que nos leva a tomar medidas para apoiar a estes pequenos comercios”, afirmou o presidente da Deputación, que agradeceu a colaboración e implicación da Federación Galega de Comercio neste novo programa, que busca fortalecer a economía local, fixar poboación nos pequenos concellos, mellorar a calidade de vida e evitar o peche de negocios que dan vida aos centros das vilas coruñesas.
A deputada provincial Avia Veira puxo en valor o traballo da entidade provincial na promoción do consumo de proximididade. “O comercio local é cohesión social, contacto humano, xeración de oportunidades no rural, aposta pola pequena economía, ecoloxía…”. Neste sentido, referiuse tamén á campaña ‘A paisaxe que sabe’, que inclúe a toda a cadea agroalimentaria da provincia, e que “visibiliza o traballo de produtores e produtoras locais en foros tan relevantes como San Sebastián Gastronómika, onde nos atopamos precisamente hoxe”. “Esta aposta polo consumo de proximidade” engadiu, “contribúe á fixación de poboación nos concellos máis pequenos, á xeración de oportunidades e benestar para a poboación local e, por suposto, ao fortalecemento da nosa economía”.
Veira tamén mencionou o Plan Único como “exemplo do noso compromiso cos concellos máis pequenos” mediante o que a “Deputación destina 138 millóns aos 93 concellos da provincia – 82 dos mesmos de menos de 20.000 habitantes – fronte á infrafinanciación da Xunta de Galicia, que destina 168 aos 313 concellos de todo o país”.

O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, quixo recoñecer o esforzo da institución provincial cunha mensaxe de apoio: “Ao presidente e ao seu equipo non podemos menos que felicitalos por este programa de apoio ao comercio local da provincia. E por facelo cunha aposta firme, decidida, como o demostra ese orzamento de 6 millóns de euros para dinamizar a actividade comercial destas vilas. Non esquezamos nunca que o comercio é a vida das cidades. Onde hai comercio hai vida: a xente pasea, se atopa, fala, inviste na súa localidade, dá emprego aos seus veciños, quédase a vivir na vila, atrae turismo… A todo isto esperamos contribuír con este programa MercaNaVila, agradecendo á Deputación que contara e confiara na Federación para a súa posta en marcha e coa certeza de que será o punto de partida de moitas futuras colaboracións en apoio ó noso sector”, afirmou Seijas.
Como funciona MercaNaVila
O funcionamento de MercaNaVila é sinxelo. Os comercios interesados en participar deberán inscribirse a través da plataforma habilitada pola Deputación entre o 6 e o 20 de outubro. Unha vez rematado o prazo de adhesión, a cidadanía poderá descargar nos seus teléfonos móbiles os seus bonos desconto, de ata 100 euros por persoa, a partir do 20 de outubro a través da web https://mercanavila.gal/
Estes bonos permitirán aplicar descontos automáticos de entre 5 e 15 euros en función do importe de cada compra, sempre que se realicen nos establecementos adheridos.Os incentivos estarán dispoñibles ata o 20 de novembro ou ata que se esgote o orzamento dispoñible.