Neda celebra esta semana o Día do orgullo neofalante

Con motivo do Día do orgullo neofalante (1 de outubro), unha celebración destinada a gañar novos falantes e espazos para a lingua galega, o Concello de Neda impulsa esta semana varias actividades especiais destinadas por unha parte á mocidade e por outra aos máis pequenos da casa.

Biblioteca Municipal de Neda

A primeira cita desta programación, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, chegará o martes 30 de setembro ao IES Fernando Esquío. O centro educativo será o escenario do faladoiro e concerto didáctico “35 anos de música en galego. A culpa foi da lingua”, a cargo de Xosé Bocixa, Paco Cerdeira e Laura Romero de Zënzar, banda de rock en galego que máis anos leva nos escenarios de maneira ininterrompida. A proposta pretende descubrir ao alumnado de secundaria a importancia da lingua como elemento imprescindible na cultura.

E o sábado, a partir das 12:00 horas, será a quenda dos máis pequenos e pequenas da casa, co contacontos de Raquel Queizás “Seguimos medrando en galego con Nano”. Un espectáculo de narración oral, monicreques e obxectos, destinado ao público infantil de 1 a 4 anos. A cita será na Biblioteca municipal, a partir das 12 horas, e haberá que apuntarse con anterioridade, chamando ao 981390233, no horario habitual de apertura (luns a venres, de 9:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas).

Co Día do orgullo neofalante, que conmemora o nacemento do cantautor ferrolán Andrés do Barro, primeiro artista que conseguiu un éxito de masas en España cantando en galego, búscase fomentar nas xeracións máis novas actitudes favorables á lingua galega que contribúan ao seu uso.

Lea también

Galicia Ártabra celebra su XV aniversario con una Gala en el teatro Jofre. Se entregarán los tradicionales premios «ártabros»

Un año más y van quince Galicia Ártabra celebra su aniversario recordando su primera aparición …