Cun cartel de auténtico luxo, o LagoFest regresa a Valdoviño este sábado 12 de xullo na que será xa a súa cuarta edición, e na mañá deste martes 8, a casa consistorial acollía a presentación oficial do evento. No acto tomaban a palabra Rosa Couce, presidenta da ACR de Veciños de Lago, entidade que promove o festival, así como o alcalde, Alberto González, e a concelleira de Cultura, Rosana García.
Xunto a eles, Loli López, Lidia Beceiro, Teresa Gómez e Mari López, tamén da comisión organizadora, e a edil de Turismo, Tamara Sabín. Un ano máis, o Concello participa no evento a través da rede cultural da Deputación, coa actuación da banda MU2, que se suma aos grupos The Bandidos, Los Fabulosos Weekend e Los Alcántara.
Na antesala das festas patronais, a cita celebrarase este sábado na pista deportiva anexa ao parque de Lago, a partir das 21:30 horas e ata ben entrada a madrugada.
Os primeiros en subir ao escenario serán The Bandidos, coas súas mellores versións dos clásicos do rock. De seguido, darán paso a Los Fabulosos Weekend, un singular conxunto músico‐vocal radicado en Santiago integrado por veteráns músicos de Compostela como Chema Ríos (Linces Pop, Extrema Urgencia), Alfonso Espiño (Contrastes, Los Chavales, Mega Purple Sex Toy Kit, Espiño), Gonzalo Sende (Contrastes, Amordiscos) e o popular actor e cantante Manuel Manquiña (Sporting de Transilvania). O repertorio da banda inclúe versións de temas de rock clásico como “Happy Together” (The Turtles), “Mony Mony” (Tommy James & The Shondells) ou “Summer In The City” (The Lovin’ Spoonfool) e outras cancións con letras escritas por Manquiña (“Yo qué puedo hacer”). O seu punto forte son os arranxos vocais, que en moitas ocasións contemplan o uso de polifonías a catro voces diferentes, ademais dun directo do máis enérxico.
Tomará o relevo MU2 e a súa brutal homenaxe a unha das bandas máis icónicas do rock: U2. Non faltarán auténticos himnos como «With or Without You, “Sunday Bloody Sunday” ou “Beautiful Day”. Cunha posta en escena potente, unha fidelidade sonora impecable e unha paixón que traspasa o escenario, farán vibrar ao público cos temas que marcaron xeracións. E pechando, a banda ferrolá Los Alcántara, coas súas particulares versións dos clásicos nacionais dos 60 e 70.
Temas coñecidos por todos que nos convidarán a cantar e bailar ao seu ritmo. De seguro que no repertorio non fallan cancións como «Mi gran noche», «Resistiré» ou «Cuéntame».
Na presentación, o alcalde, Alberto González, e a concelleira de Cultura, Rosana García, coincidían á hora de agradecer á asociación de Lago a súa determinación e iniciativa á hora de poñer en marcha o festival, contribuíndo así a enriquecer a oferta cultural do municipio e actuar como dinamizador turístico e económico. Ademais, mostráronse seguros de que esta edición será un novo éxito, e convidaron ao público a participar da cita.
Pola súa banda, Rosa Couce correspondía as súas palabras agradecendo o apoio brindado polo Concello dende a primeira edición. Aseguraba que a ilusión coa que arrincaban mantense intacta, así como o compromiso de dar o mellor de si para ofrecer cada ano unha edición mellorada respecto á anterior. Nese empeño a resposta do público xoga ao seu favor, dándolles novos azos para continuar impulsando o certame. Un traballo que se encadra no labor da asociación, cunha longa traxectoria no municipio, e clave na dinamización da oferta cultural da parroquia.