Comenza a disputa dos primeiros partidos do Circuíto de Baloncesto 3×3 Deputación da Coruña

Carballo acolle este sábado 7 de xuño os primeiros partidos do I Circuíto de Baloncesto 3×3 Deputación da Coruña, que se disputará tamén durante o presente mes de xuño nos concellos de Ordes (14 de xuño) e Brión (28 de xuño) e na que se prevé a participación de máis de 300 nenos de entre 10 e 13 anos de toda a provincia.

O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, e o delegado da Federación na Coruña, José Manuel Villamarín presentaron a cita, que aspira a “levar de novo á rúa un deporte que naceu na rúa, como é o baloncesto” e a potenciar a práctica deportiva entre os máis pequenos, segundo afirmou Leira.

O deputado de Deportes incidiu en que “fomentar o deporte de base é unha parte fundamental da nosa filosofía, porque aí é onde está o xerme de deporte” e destacou que a Deputación ten depositadas “moitas esperanzas e ilusión” nesta nova competición, “na que levamos tempo traballando en coordinación coa Federación Galega de Baloncesto”.

Leira destacou que os partidos comezan este sábado en Carballo, “un concello de baloncesto e un escaparate incrible para esta primeira edición, que nos dará a oportunidade de testar este novo formato de deporte na rúa, que está espertando tanta expectación que xa a están pedindo outros concellos para o vindeiro ano”.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, declarouse “entusiasmado con esta nova modalidade de baloncesto que xa é olímpica” e que, ao precisar menos infraestrutura, é máis versátil e accesible para levar aos concellos da provincia e fomentar novas afeccións ao baloncesto. Bernárdez apuntou que xa hai 35 equipos inscritos para o evento de Carballo, 13 en categoría Infantil, 13 en Cadete e 9 en Pre-mini e mostrouse confiado en que “vai ser todo un espectáculo, con moitas sorpresas, máis alá da dimensión deportiva”.

Agradecemos o apoio e aposta da Deputación da Coruña para pór en marcha este Circuíto, que queremos que sexa un éxito e que se desenvolva de cara ao futuro cunha actividade tan de rúa e de verán como é o baloncesto 3×3”, afirmou.

A competición consta dunha fase previa con dúas sedes (Carballo e Ordes) nas que se xogará en forma de liga de grupos, cun máximo de catro equipos, establecidos por sorteo puro e a dobre volta. Na fase final (Brión) participarán os 16 mellores equipos de cada categoría en base aos puntos sumados na fase anterior. O formato de xogo será de play-off, con cabezas de serie que se establecerán en función da clasificación na fase previa, e o resto de equipos por sorteo puro.

Os equipos máis destacados na fase previa recibirán un trofeo e medallas; na fase final serán agasallados cun trofeo, medallas e vales para a compra de material deportivo en establecementos da provincia.

Lea también

Un partido homenaje conmemora el 50 aniversario del fútbol sala en Ferrol

El concejal de Deportes, Ricardo Aldrey, presentó en el Ayuntamiento de Ferrol el primer acto …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *