Psoe Ferrol denuncia que a cidade «queda fora das axudas climáticas»

Os socialistas afirman «que xa preguntaron na comisión de Medio Ambiente pola solicitude destas axudas sen obter resposta do goberno local». Germán Costoya: “O goberno local nin traballa nin responde; Ferrol perdeu fondos clave por pura desidia”.

O Grupo Municipal Socialista denuncia «a exclusión de Ferrol da resolución definitiva das axudas do programa Galicia refuxio climático, publicada no Diario Oficial de Galicia o 13 de maio, e esixe ao goberno local que aclare se, como todo apunta, nin sequera presentou solicitude para optar a estas subvencións».

«A convocatoria, dotada con 2 millóns de euros, permitía que os concellos presentasen ata tres proxectos por un importe máximo de 60.000 € cada un. Ferrol perdeu así a posibilidade de obter ata 180.000 euros en investimentos para mellorar os seus espazos urbanos».

«As actuacións subvencionables incluían, entre outras, sombreado natural de rúas e prazas con especies autóctonas, creación de microclimas urbanos con láminas de auga, instalación de xardíns verticais e cubertas verdes, recuperación de zonas húmidas, restauración de treitos urbanos de ríos, mellora da conectividade entre espazos verdes urbanos e periurbanos. Concellos como Pontevedra, Carballo, Allariz ou Ares si resultaron beneficiarios, mentres que Ferrol non aparece en ningún dos expedientes publicados».

“Se o goberno local nin sequera presentou unha solicitude, estaríamos ante unha deixación de funcións gravísima. Perder financiamento é grave; perder financiamento por non facer nada é directamente imperdoable”, advirte Germán Costoya, concelleiro socialista. Lembra tamén que «xa preguntou na comisión de Medio Ambiente se o Concello tiña previsto optar a estas axudas, sen obter resposta por parte do executivo local».

«Con maioría absoluta e 11 asesores, o goberno municipal segue sen planificar  nin aproveitar oportunidades, mentres impón un modelo de cidade centrado nos coches, na tala de árbores e sen políticas reais de renaturalización urbana. “Temos un alcalde ausente, máis preocupado polo Senado que pola cidade que debería gobernar. E temos un goberno que non traballa, que non planifica e que deixa pasar convocatorias deseñadas precisamente para urbes como Ferrol”, afirmou.

Desde o Grupo Socialista reclámase «transparencia inmediata: que o alcalde explique se se presentou solicitude e, se non foi así, quen asumirá responsabilidades por esta nova oportunidade perdida. “Ferrol non pode permitirse máis erros nin máis escusas. O que falta aquí é traballo, compromiso e un proxecto de cidade pensado nas persoas. Dende que goberna Rey Varela en Ferrol hai cada día máis coches e nas rúas menos árbores”.

Lea también

El Parrulo Ferrol Fútbol Sala, pregonero de las fiestas de verano 2025

  El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, reveló este jueves que el Parrulo …