Fene prepárase para unha nova edición da Xuntanza de Palilleiras

O encontro celebrarase o 26 de abril no Pavillón A Xunqueira e reunirá afeccionadas ao encaixe, bordado, patchwork e outras técnicas téxtiles.

O Concello de Fene ultima os preparativos para a Xuntanza de Palilleiras e outros labores tradicionais, que terá lugar o venres 26 de abril no Pavillón A Xunqueira de San Valentín. Unha cita de referencia para as persoas amantes das técnicas téxtiles, onde se darán cita afeccionadas ao encaixe, bordado, calceta, patchwork e moitos outros traballos artesanais.

A xornada desenvolverase en dobre quenda, de 10.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, ofrecendo unha oportunidade única para compartir coñecementos, coñecer diferentes elaboracións e desfrutar dun día de convivencia entre persoas apaixonadas polos labores tradicionais.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, destacou a importancia deste evento, que “non só pon en valor o traballo artesanal e a tradición téxtil, senón que tamén supón un punto de encontro para tecer lazos entre persoas de diferentes lugares, mantendo vivo o legado destas técnicas”.

Desde a organización lembran que a inscrición está aberta durante os próximos días, polo que as persoas interesadas en participar poden anotarse ou solicitar máis información chamando ao 981 492 767.

Lea también

Comienza en Ferrol la construcción de 24 viviendas de promoción pública en O Bertón

El alcalde de Ferrol agradece a la conselleira de Vivienda la apuesta por la ciudad …