Ana Isabel Ares Pernas recibiu no CIMIX unha homenaxe institucional como Muller do Ano de Narón 2025

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu este sábado o acto institucional programado con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, e no que se nomeou oficialmente a Ana Isabel Ares Pernas como Muller do Ano de Narón 2025.

A concelleira de Igualdade María Lorenzo, Ana Isabel Ares e a alcaldesa Marián Ferreiro

A convocatoria, á que tamén asistiron a concelleira de Igualdade, María Lorenzo, entre outros representantes da corporación local, e familiares e amizades da homenaxeada, desenvolveuse nas instalacións do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX).

A rexedora local deu a benvida ás persoas asistentes ao acto, para a continuación ler o acordo plenario do pasado mes de febreiro no que se acordou por unanimidade da corporación local o nomeamento da Muller do Ano de Narón 2025. Unha distinción que cada ano se realiza no Consistorio a unha ou varias mulleres co fin de destacar a súa traxectoria persoal e/ou profesional.

Nesta ocasión, Ana Isabel Ares, licenciada en Ciencias Químicas pola USC e actual vicerreitora do Campus de Ferrol (UDC) e doutora pola UDC (Programa en Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros), chegou ao muíño co fin de ver a proxección dun vídeo e á súa chegada veu como a agardarban e a recibían cun aplauso integrantes da corporación local, familiares, entre eles o seu home, o fillo e os pais, e algunas das súas amizades. A medida que avanzaba o acto destacábase o seu currículo, como profesora titular da universidade no departamento de Física e Ciencias da Terra, docente no grao en Enxeñería en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto e en diferentes mestrados universitarios, así como coordinadora do grupo de Innovación docente Responsabilidade Social nas Enerxías (RSE)…

Así mesmo, aludiuse os recoñecementos e premios de innovación docente que Ares recibiu, especialmente polos seus proxectos de aprendizaxe e servizo, e a concesión á súa persoa do certificado de excelencia Docentia nos anos 2017 e 2022. “Por todo este currículo, que a converte nun referente nun mundo como é o da ciencia e das carreiras tecnolóxicas, proponse ao Concello Pleno nomear a Ana Isabel Ares Pernas como Muller do Ano de Narón 2025”, leu a alcaldesa, felicitando á homenaxeada ante todos os presentes.

Unha vez rematada a lectura, a concelleira de Igualdade, María Lorenzo, entregoulle un ramo de flores e unhas entradas para asistir a un espectáculo do Pazo da Cultura, e a alcaldesa unha réplica da escultura “Anduriña”, do autor luso Manuel Patinha, Fillo Adoptivo de Narón. Con moita emoción tras recibir a dintinción, Ares, que leva máis de dúas décadas vivindo n acidade, recoñeceu que o acto “foi toda unha sorpresa”. “Que no teu concello recoñezan o teu traballo é unha emoción moi grande e ademais, sempre o digo, creo que son moi afortunada porque teño o mellor traballo do mundo porque sempre me gustou a ensinanza e a investigación”. A homenaxeada destacou “o marabilloso traballo realizado dende o Concello para poder ter conmigo hoxe a familiares, amizades e compañeiras e compañeiros de traballo, a moitos dos referentes na miña vida, como miña nai, ama de casa e unha persoa moi intelixente que por circunstancias da vida non puido estudar, e meu pai, unha persoa que traballou tamén moito para que meu irmán e eu puidésemos estudar”.

A edil de Igualdade destacou “a paixón e convicción nos teus proxectos, sempre dende unha visión feminista na procura da igualdade no mundo académico e científico” e tamén tivo unhas palabras neste 8M para “as nais e pais que antes creron nai gualdade de oportunidades para as mulleres”.

Finalmente, trala proxección dun vídeo conmemorativo do Día da Muller, a alcaldesa retomou a palabra e recalcou que o de hoxe é “un recoñecemento moi merecido a unha veciña de Narón, cunha dilatada traxectoria profesional e sempre disposta a colaborar con este Concello cando así o solicitamos”. “Eres unha digna merecedora desta distinción, que cada ano damos a mulleres por méritos máis que contrastados, polo que agardamos que o día de hoxe quede sempre no teu recordo, ao igual que quedará marcado como parte importante da historia desta cidade”, subliñou Ferreiro.

A alcaldesa agradeceu tamén a participación neste acto de integrantes da Agrupación Cultural Musical Sementeira, que amenizaron o acto celebrado no CIMIX.

Lea también

El «Amadea», primero de los ocho cruceros que nos visitarán este mes, llegó Ferrol para disfrutar de los Maios de Canido

No había amanecido la mañana del domingo, día 4 de mayo, cuando los prácticos del …