XXIX Concurso de Humor Gráfico en Fene “Curuxa do Humor”

Trala publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia núm. 32, do luns 17 de febreiro de 2025, o Concello de Fene informa da apertura do prazo para presentar obras a unha nova edición dos “Premios Curuxa” do Museo do Humor Xaquín Marín.

As persoas interesadas en participar poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello até o vindeiro 31 de maio. Novamente, nesta edición, haberá tres categorías: Curuxa, para maiores de 25 anos; Curuxa Nova, para persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos; e Caricatura, na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos. Como novidade, estipúlase nas bases que “calquera obra creada total ou parcialmente coa axuda da intelixencia artificial quedará automáticamente excluida do certame. As obras deberán ser de creación manual ou dixital directa por parte do/da artista”.

Os participantes poderán presentar un só debuxo de temática libre, en formato: viñeta, tira ou cómic (máximo 1 páxina) ou caricatura (no caso de debuxos presentados a esta categoría). As obras deberán ser de creación propia e inédita e presentaranse en formato papel, mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente (impresión de alta calidade). Non se admitirán fotocopias nin gravados e a dimensión máxima do debuxo será de 29,7×42 cms (A3).

Os traballos deberán estar redactados en galego ou en calquera das linguas oficiais do Estado (castelán, catalán, euskera) aínda que, neste caso, o/a autor/a deberá achegar xunto coa documentación requirida nas Bases, a tradución ao galego do texto do debuxo. Tamén se admiten traballos de humor mudo.

Segundo informa o Museo do Humor Xaquín Marín, unha vez realizado o debuxo, presentarase ou enviarase acompañado dun sobre pechado (plica) no que se introducirá toda a documentación requirida nas bases. Deste xeito, ningún dato persoal do/a autor/a poderá figurar á vista.

En canto aos premios, a Concellería de Cultura avanza que se mantén a contía total dos mesmos con respecto a edicións anteriores, é dicir, cinco mil euros, que se repartirán do seguinte xeito:

 Categoría CURUXA (maiores de 25 anos)

1º Premio, dotado con 2000 euros e diploma

2º Premio, dotado con 1000 euros e diploma

 Categoría CURUXA-NOVA (de 16 a 25 anos)

1º Premio, dotado con 500 euros e diploma

Categoría CARICATURA (maiores de 16 anos)

1º Premio, dotado con 1500 euros e diploma

Os importes dos premios estarán suxeitos aos impostos e retencións legais que lle sexan de aplicación.

A presentación de traballos a concurso implica a autorización expresa ao Museo do Humor Xaquín Marín a empregar estas imaxes a efectos expositivos, no propio Museo e/ou noutras instalacións do termo municipal así como na páxina web municipal. A exposición do XXIX Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor 2025” realizarase durante o último trimestre deste ano.

Os traballos premiados quedarán en propiedade do Concello de Fene, pasando a formar parte da súa colección. Para os traballos non premiados, o Museo do Humor Xaquín Marín comprométese á súa devolución sempre que así se solicite expresamente. A devolución de orixinais hase efectuar a partir do mes de xaneiro de 2026.

Bases completas da convocatoria na web municipal do Concello de Fene www.fene.gal

Para consultar calquera cuestión sobre o concurso ou resolver dúbidas, pódese chamar ao 981 342 400 (de luns a vernes en horario de mañá) ou enviar un correo electrónico a museodohumor@fene.gal

Enlace BASES GALEGO CURUXAS 2025

Lea también

Valdoviño celebra de nuevo a Rosalía haciéndola presente en A Frouxeira

El Ayuntamiento de Valdoviño vuelve a celebrar el Día de Rosalía haciéndola de nuevo presente …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *