San Sadurniño e o Aldebarán colaboran na promoción do deporte no municipio

Secundino García, en representación do Concello de San Sadurniño, e Juan Manuel García «Cobelo» por parte do CV Aldebarán San Sadurniño, asinaron na tarde do venres 31 o convenio de colaboración anual entre ambas entidades, que implica unha subvención nominativa de 30.000 euros co obxectivo de soster as escolas de volei e promover a práctica deste deporte no municipio.

Foto: César Galdo

Segundo o acordo, que fará efectiva a achega económica nestes días, o Aldebarán tamén adquire o compromiso coa promoción da igualdade e co apoio ao Concello nas actividades que este organice relacionadas co deporte e os hábitos de vida saudables.

Tal e como recolle o texto da subvención nominativa, o Aldebarán “leva desenvolvendo dende a súa creación un labor de adestramento, integración e participación da mocidade, contando na actualidade coa participación de moitos rapaces e rapazas practicando este deporte en diferentes categorías deportivas, especialmente nas idades máis novas, o cal incide na proxección e na mellora da imaxe do municipio”.

O Concello pretende por medio do convenio “afianzar o desenvolvemento da actividade deportiva con proxección de futuro”, contando para iso coa experiencia e capacidade organizativa do club local en todas as actividades relacionadas coa promoción e difusión «por todo o territorio galego, e incluso estatal» dun deporte considerado minoritario.

O acordo encoméndalle ao club a xestión das escolas municipais da disciplina durante 9 meses e, por outra banda, concédelle ao club acceso preferente -que non exclusivo- ás instalacións do pavillón municipal para adestrar e para os encontros que xoguen os seus equipos. Tamén lle ofrece a posibilidade de xestionar a publicidade estática ou móbil das instalacións, como xeito de colaborar co sostemento financieiro da entidade.

Alén da levanza das escolas, o CV Aldebarán San Sadurniño comprométese a colaborar co consistorio na organización e realización de xornadas deportivas, a implicarse nas campañas de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero e a mostrar a marca da imaxe visual do Concello en toda a cartelaría, folletos e publicidade en xeral editada con ocasión do desenvolvemento de actos deportivos. Igualmente, a escuadra de Superliga 2 tamén deberá lucir na equipación o logotipo do Xeoparque Cabo Ortegal.

A sinatura, que tivo lugar na sala de xuntas do Concello, fíxose en presenza do concelleiro de Deportes, Manel Martínez, quen destacou «o papel fundamental para a promoción do deporte» que desenvolve o Aldebarán «en San Sadurniño e no resto da comarca». Martínez apuntou a este respecto que o club local «conta cunha grande base en San Sadurniño e ten proxectos noutros municipios, co obxectivo de seguir ampliando a práctica do volei e a deportiva en xeral entre a rapazada».

O edil lembrou, por último, que o Concello tamén subscribirá proximamente o convenio nominativo coa Escola de Fútbol Irmandiños, cofinanciada por San Sadurniño, Moeche, As Somozas e Cerdido.

O convenio económico asinado co Aldebarán ten carácter prepagable, de maneira que nestes días o club recibirá a contía consignada: 30.000 euros. O club terá ata o 30 de novembro para presentar as facturas e a correspondente memoria xustificativa do destino dos fondos municipais.

Lea también

Miriam Casillas, con opciones de terminar el mundial entre las 40 mejores

La internacional del Triatlón Ferrol compite este fin de semana en la Gran Final de …