Xa está aberto o prazo de presentación de candidaturas á terceira edición dos Premios do Deporte Deputación da Coruña, unha iniciativa que busca recoñecer as persoas e entidades que desenvolvan a súa actividade na provincia e que destaquen pola súa traxectoria deportiva, logros, ou a súa contribución ao fomento da práctica do deporte.
Ata o vindeiro 30 de xaneiro, poderán presentar candidaturas todas as persoas físicas ou xurídicas que teñan relación ou estean interesadas na práctica ou promoción do deporte. As propostas tramitaranse de forma telemática a través da plataforma SUBTEL da Deputación. Ademais, os membros do xurado poderán presentar tamén propostas de candidaturas para a súa valoración.
Ao igual que na edición 2024, establécense quince categorías de premios: Mellor deportista masculino, Mellor deportista feminina, Mellor deportista veterano masculino, Mellor deportista veterana feminina, Mellor deportista promesa masculino categoría base, Mellor deportista promesa feminina categoría base, Mellor deportista con diversidade funcional masculino, Mellor deportista con diversidade funcional feminina, Mellor adestrador/a, Mellor árbitro/a ou xuíz/a, Mellor entidade colaboradora ou patrocinadora, Mellor evento deportivo, Mellor entidade na promoción e fomento do deporte de base, Mellor entidade na promoción e fomento do deporte inclusivo, e o Premio a toda unha vida dedicada ao deporte.
Ditos premios consisten nun galardón conmemorativo e un diploma acreditativo, ademais do recoñecemento social que a Deputación promoverá a través dos medios de comunicación e das súas redes sociais. Ademais das quince categorías, o xurado poderá recoñecer a título individual ou colectivo a aquelas persoas ou entidades que levasen a cabo unha labor ou desenvolvesen unha actuación no ámbito do deporte digna de ser destacada a nivel provincial.
O xurado estará presidido polo deputado de Deportes, Antonio Leira, que actuará con voz e sen voto, xunto a cinco xornalistas deportivos ou persoas de recoñecido prestixio no ámbito do deporte.
Unha vez concluídas as deliberacións, a Deputación organizará a tradicional Gala do Deporte, na que se convidará as persoas e entidades participantes nesta convocatoria, ademais de facerse entrega de todas as distincións aos premiados.