O Concellaría de Cultura, que dirixe Eugenio Fernández Lago, organiza a que será a segunda edición do Certame de Panxoliñas Concello de Ares. Esta iniciativa, que o ano pasado obtivo un grande éxito de participación e público, desenvolverase na igrexa de San Xosé o vindeiro 22 de decembro a partires das oito da tarde.
A presentación do certame correrá a cargo de Conchi Ramil e está prevista a actuación de sete formacións musicais: a Escola Municipal de Música de Ares; o Coro Voces Amigas, a Escola de Música da asociación cultural Xábrega; a Coral Areas do Mar do Casino Aresano; o Coro Parroquial Aresano; o Coro Xuvenil Parroquial; e a Rondalla Trovadores. Cada unha destas agrupacións interpretará tres panxoliñas e a área de Cultura informa de que a actuación rematará coa interpretación por parte de todos os participantes do tema “Ese niño rubio”.