O Concello de Valdoviño promove 2 saídas polo litoral no marco do proxecto “Ondas de Sabor”

Celebraranse os sábados 19 e 26 de outubro, con participación gratuíta e inscrición previa no teléfono 648 87 77 80

No marco do proxecto «Ondas de Sabor», o Concello de Valdoviño organiza dúas saídas polo litoral os dous últimos sábados deste mes de outubro, centradas na súa costa e principais recursos. O obxectivo é dar a coñecer o patrimonio marítimo desta zona da Costa Ártabra, incidindo na concienciación ambiental, a dignificación dos oficios do mar e a promoción de produtos de proximidade como medio para obter un estilo de vida saudable. A
participación é gratuíta, con inscrición previa no teléfono 648 87 77 80.

Estas saídas, de dificultade baixa e aptas para todos os públicos, terán unha duración aproximada de entre dúas horas e media e tres horas. Nos dous casos partirán ás 10 horas do aparcadoiro da praia do Río de Meirás, sendo preciso levar roupa cómoda e algo para beber. Esta actividade inclúe guía titulado e seguro de accidentes.

No transcurso das mesmas, daranse a coñecer as oportunidades do sector e as problemáticas como a falta de relevo e a emerxencia climática, buscando o fomento do consumo de produtos mariños e a complicidade na protección do medio e o comportamento responsable, de cara á biodiversidade do territorio.

Con este enfoque integrado do proxecto, trátase ademais de romper cos estereotipos que perpetúan unha imaxe de dificultades e de precariedade que afecta á falta de relevo e deriva no desinterese da poboación en xeral e da mocidade en particular á hora de achegarse ao sector como unha opción de vida.

«Ondas de sabor: Promoción do consumo de percebe e bivalvos de Valdoviño» é un proxecto impulsado polo Concello de Valdoviño para a obtención das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través do GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria 2023.

Lea también

Belém Tajes, gañadora da gala final do Premio Narf 2025

Belém Tajes resultou gañadora, con 4.000 euros de premio, nunha gala final que tivo lugar …