San Sadurniño é un dos 24 concellos galegos que este ano acceden ao exclusivo club de municipios que poderán lucir durante un ano a Bandeira Verde de Galicia.
Un recoñecemento creado e xestionado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia que pretende poñer en valor a implicación das entidades locais e da veciñanza no coidado da paisaxe e do patrimonio natural distinguindo aos concellos máis dinámicos neste ámbito.
No procedemento de concesión das bandeiras valóranse as boas prácticas para o coidado da contorna, o respecto á paisaxe, a redución das emisións de dióxido de carbono, a posta en valor dos monumentos naturais, a educación e sensibilización ambiental, a redución do consumo enerxético e iniciativas de dignificación do territorio. Na resolución co outorgamento da bandeira destácase o “elevado número” de accións presentado por San Sadurniño, “moi superior ao mínimo requirido” para optar á distinción.
A orde coas bases reguladoras para o outorgamento deste distintivo publicouse a mediados de marzo no Diario Oficial de Galicia e a súa concesión acaba de resolverse tendo en conta o grao de cumprimento dos criterios de valoración recollidos na orde.
Os ámbitos de actuación nos que se encadran as accións incluídas nas candidaturas son a ordenación do territorio, a protección do medio ambiente e da paisaxe; o cambio climático e a eficiencia enerxética; a xestión responsable dos residuos; e as accións de sensibilización e a comunicación relacionadas cos puntos anteriores.
Neste sentido, San Sadurniño achegou unha relación de políticas e programas concretos sobre aforro enerxético por medio do progresivo cambio a led da rede de iluminación pública, a auditoría sobre o estado do abastecemento de auga e as melloras no sistema de condución para evitar perdas, as campañas en materia de xestión responsable dos residuos (compostaxe, correcta separación, recollida de roupa usada en colaboración con Insertega) ou a posta en marcha da app Liña Verde de comunicación de incidencias.
Ademais, o Concello tamén incluíu na súa candidatura proxectos supramunicipais como o Xeoparque do Cabo Ortegal, o programa de prevención e intervención ante o maltrato O Lavadoiro -compartido con Moeche e a Deputación da Coruña- e a participación na Fusquenlla, como centro que aposta polo desenvolvemento sostible do rural.
Alén destas, desde a área municipal de Desenvolvemento local, como encargada do dossier presentado á convocatoria autonómica, tamén se mencionaron as melloras na accesibilidade en distintas dependencias municipais -incluída a instalación dun elevador na piscina municipal-, e accións como o programa de lecer ambiental Terra de vida, as dúas grandes feiras que teñen lugar na Cortiña -a da Plantación e a Rural-, as liñas de colaboración con entidades do sector primario ou os recoñecementos acadados nos últimos anos dentro do programa Vilas en Flor.
Tras coñecer a resolución da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático outorgándolle a San Sadurniño unha das 24 Bandeiras Verdes de Galicia, o concelleiro responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, destacou que o galardón “é o recoñecemento a un labor constante de promoción da sostenibilidade ambiental con accións concretas, pero tamén como algo transversal que se aborda desde a totalidade das políticas municipais. A bandeira reafírmanos nese camiño e danos azos para seguir percorréndoo”.
Varela puntualiza que ademais de ser “un motivo de orgullo para toda a veciñanza de San Sadurniño”, entrar no club da Bandeira Verde de Galicia “tamén é un mérito para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e xestión de residuos”.
Ás Bandeiras Verdes de Galicia presentáronse en 2024 un total de 34 candidaturas, das que finalmente foron rexeitadas unha decena por distintos motivos.
Xunto con San Sadurniño tamén obtiveron a bandeira os concellos de Ribadeo, Silleda, Larouco, Curtis, Cervo, Illa de Arousa, Porqueira, Ordes, Ares, Boiro, Porto do Son, Vilariño de Conso, Sanxenxo, Muros, Ribeira, Parada de Sil, A Laracha, Sober, Lugo, Outeiro de Rei, Begonte, Cospeito e Muiños.
Todos eles recibirán a súa enseña no transcurso dun acto público que se celebrará antes do remate deste ano. Poderán mantela izada durante todo o 2025.