A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Seguridade Cidadá, José Oreona, presentaron este mércores 25 na praza de Galicia o novo vehículo de Atestados da Policía Local, que substituirá ao anteriormente operativo.
Trátase dun furgón da marca Mercedes equipado coa última tecnoloxía para que os axentes da Policía Local poidan desenvolver o seu labor nas mellores condicións e, tal e como avanzou a rexedora local, está conectado a través dunha tablet coa sede central da Policía Local, ubicada na nave de Servizos.
Ferreiro recordou que nos últimos dous anos se adquiriron a maiores dúas motocicletas e dous coches para o citado Corpo, co fin de ampliar e mellorar o parque móbil da policía. Así mesmo, destacou o feito de que o novo vehículo estea xa operativo polas rúas da cidade e dispoña do equipamento necesario para desenvolver as funcións propias do servizo de Atestados.
Ao acto de presentación acudiu tamén o xefe da Policía Local de Narón, Eduardo Pita, axentes do Corpo e persoal da empresa que proporcionou o vehículo a través do sistema de renting.