Ademais, este ano vacinarase ao persoal dos centros de educación infantil, nos que hai nenos de ata 5 anos.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentou a nova campaña de vacinación que a Xunta porá en marcha este luns para facer fronte á gripe, á covid e ao virus respiratorio sincitial. A campaña inclúe como novidade a vacina intranasal fronte á gripe para os nenos de entre 2 e 5 anos.
Na súa intervención, o conselleiro subliñou a importancia prioritaria que a Xunta concede á vacinación, posto que se trata da ferramenta máis eficaz para previr a enfermidade. Ao respecto puxo en valor que Galicia conta co calendario de vacinación para toda a vida máis completo do mundo.
Tamén incidiu en que a nosa comunidade é líder en España, tanto en taxas de cobertura, como na introdución de novas inmunizacións. Entre os obxectivos da campaña deste ano destaca o de acadar maiores taxas de vacinación fronte á gripe en persoal sanitario, colectivo no que actualmente a taxa é do 57% e preténdese chegar ao 75%.
Polo que atinxe ós nenos, a taxa de vacinación da gripe é do 56% e agárdase conseguir o 60%. No caso das embarazadas, o obxectivo é acadar unha taxa de vacinación do 60%, sendo na actualidade esta cifra do 46%.
Poboación diana
Gómez Caamaño detallou que a nova campaña de vacinación deste ano fronte aos virus propios do inverno, que está coordinada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, se centra nos grupos de risco, que son as persoas maiores, os nenos, embarazadas, persoal sanitario e a poboación inmunodeprimida.
Ante os bos resultados do pasado ano, o conselleiro remarcou que a Xunta volve neste ano apostar pola inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial, iniciativa na que Galicia foi a primeira comunidade en facelo, e que permitiu evitar o ingreso de 400 bebés menores de 6 meses e acadar unha efectividade do 82%.
Primeiros en inmunizarse
O máximo responsable da Consellería de Sanidade explicou, así mesmo, que na campaña que comeza este luns, os primeiros en inmunizarse fronte á covid e a gripe serán as persoas das residencias de maiores e centros de discapacidade, tanto os residentes como os traballadores, que xa serán vacinados ese día. Tamén referiu como data clave o conselleiro o día 7 de outubro, que será cando a Xunta comezará a vacinar fronte á gripe ós nenos de 6 a 59 meses, coa aplicación da intranasal a partir dos 24 meses.
O conselleiro puxo en valor o éxito sostido das campañas de vacinación que se promoven desde o seu departamento. Felicitou aos profesionais que conforman a Dirección Xeral de Saúde Pública, que posibilitan que co seu traballo Galicia sexa líder en prevención da enfermidade.
Gómez Caamaño salientou a implicación de todas as persoas que responsablemente toman a decisión de vacinarse e das familias que apostan por este camiño de prevención para que Galicia estea en posición de liderado en materia de vacinación. Grazas a esta suma de esforzos, no caso da gripe, Galicia está entre as comunidades con maiores taxas de poboación vacinada en todas as franxas de idade, acadando unha posición de liderado absoluto na covid onde, nalgúns grupos de idade, chega a superar en 25 puntos a media do Estado.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro concluíu que todo investimento en prevención é rendible tanto en termos económicos, como no que é máis importante, en termos de resultados en saúde.
Vacinación da gripe ao persoal dos centros infantís
Pola súa parte, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, remarcou que o obxectivo xeral da campaña é diminuír o número e a gravidade das complicacións do padecemento da gripe e da covid, tentando minimizar o impacto na saúde mediante a súa prevención.
Incidiu, así mesmo, nas altas taxas de vacinación en Galicia en todos os grupos de idade, tanto de gripe como da covid, respecto do resto de España, e detallou as datas claves da vacinación conxunta fronte á gripe e a covid, así como os puntos de vacinación.
Carmen Durán sinalou, ademais, que continuará o ensaio clínico GalFlu que captou preto de 60.000 participantes no pasado ano e que pretende que participen outros tantos este ano, co obxecto de comprobar se a vacina de alta carga da gripe, que se emprega en maiores de 80 anos, é igualmente beneficiosa nas persoas de entre 65 e 79 anos.
Respecto do virus respiratorio sincitial, a directora xeral detallou os resultados da campaña anterior, que acadou unha porcentaxe de inmunización global superior ao 95%. Esta iniciativa supuxo unha redución dun 90% nos ingresos por VRS.