O venres 27 de setembro de 2024 terá lugar a Noite Europea das Persoas Investigadoras que se desenvolve de xeito simultáneo en 400 cidades de toda Europa.
En Galicia, un consorcio formado polas tres universidades públicas galegas, institutos de investigación do CSIC (IEGPS, IEO, MBG e INCIPIT) e outros organismos de investigación galegos (IDIS, CITMAga, SEBBM, CESGA e a RAGC), organizan a G-Night, a Noite Galega das persoas Investigadoras, que encherá as cidades de actividades de divulgación científica.
A Universidade da Coruña súmase un ano máis á organización deste evento sendo a Unidade de Divulgación Científica da UDC a encargada de organizar, en colaboración co Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC), a ampla programación de actividades que terán lugar no Campus da Coruña, no Campus Industrial de Ferrol e en diversas localizacións destas dúas cidades.
As actividades terán horario de mañá e estarán dirixidas a maioría para escolares das distintas etapas educativas, pero tamén para o público en xeral, e tamén de tarde, para todos os públicos. De feito, a grande oferta de actividades está concentrada a partir das 18:00 horas.
En Ferrol
As actividades que conforman a G-NIGHT na nosa cidade serán presenciais e están organizadas principalmente a través do CITENI da UDC, en el Campus de Esteiro. O horario será de 10:00 a 14:00 horas para o público escolar, e de 17:00 a 20:00 horas para o público familiar. Ofreceranse 10 obradoiros.
Tamén en Ferrol, a Asociación de Veciños de Canido, ofrecerá obradoiros pola tarde en horario de 18:00 a 20:00 para todos os públicos relacionados coa economía do día a día e o Marketing.
A participación en todas estas actividades é gratuíta e presencial. Toda a información detallada das actividades está na páxina web https://gnight.gal e nas seguintes redes sociais do evento:
Facebook:https://www.facebook.com/G-Night-104749918492812/about?ref=page_internal
Twitter: http://twitter.com/GNight_gal
Instagram: https://www.instagram.com/gnight_gal/