Comezan as obras da Vía Verde en Santiago, que suporán 1,8M€ de investimento

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado pola alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, visitou a antiga estación da Sionlla, onde arrincaron as obras do primeiro tramo da Vía Verde da Deputación en Compostela.

Fuente Diputación de A Coruña

Ao acto asistiron tamén o deputado provincial Antonio Leira, dos concelleiros de Medio Rural e Mobilidade, Pilar Lueiro e Xan Duro, representantes dos distintos grupos políticos da corporación municipal de Compostela e técnicos da Deputación e da empresa construtora. 

Estes traballos divídense en dúas fases que, no seu conxunto, supoñen un investimento de máis de 1,8 millóns de euros e permitirán sumar 10 quilómetros máis aos 26 que xa hai en funcionamento desde 2022 e que atravesa os municipios de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda. Así, a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, que xa é maior de Galicia, chegará aos 36 quilómetros en sendas para camiñar ou andar en bici sobre as antigas vías do ferrocarril.

“É un día bonito. Incorporamos por fin a Santiago ao proxecto da Vía Verde, que pretende pór en valor un espazo que deixa libre esta vía férrea en desuso. Os tramos anteriores son moi valorados pola cidadanía e é lóxico, xa que esta intervención sobre todo fomenta a práctica do deporte e o contacto coa natureza”, expresou Formoso.

Fuente Diputación de A Coruña

O presidente provincial tamén quixo destacar a importante labor de colaboración entre institucións: “Foi fundamental a convicción da Deputación de levar a cabo a Vía Verde, a convicción dos cinco concellos e de Santiago de incorporarse, que é a parte máis complexa porque esta actuación conta dous túneles e esixe un importante acondicionamento”explicou o presidente, que enmarcou a Vía Verde na aposta da Deputación pola mobilidade sustentable e a potenciación do rural.

Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou desde o Concello que dirixe non podían máis que “congratularse” neste “magnífico día”. “Como di o presidente, damos inicio a un proxecto polo que moitas persoas levan traballando tempo e que significa a posibilidade de ampliar infraestruturas que son deportivas e de natureza”.

Para Sanmartín, “este é un xeito de pór en valor outras zonas de Santiago”. “A xente acaba coñecendo o centro histórico, que é espectacular. Pero Santiago ten moito máis. Por exemplo, un magnífico rural con moitos quilómetros con edificios singulares como esta estación ou paisaxes estupendas que esperamos que, dentro de pouco, a xente comece a gozar delas grazas a esta obra”, engadiu.

Deste xeito, a Deputación da Coruña inicia a conexión de Compostela coa maior Vía Verde de Galicia, contribuíndo a crear unha oferta de mobilidade sustentable e respectuosa co medio ambiente. Ademais, axuda a vertebrar as comunicacións nos núcleos rurais e a dinamizar o turismo na zona.

Fuente Diputación de A Coruña

Unha primeira actuación de 2,2 quilómetros

Este primeiro tramo terá unha extensión de 2.200 metros e vai desde a citada estación da Sionlla ata o PK 2+200. Contará cun investimento de 826.756 euros, dos que 527.969 euros (o 63,9%) son achegados pola Deputación da Coruña e os restantes 298.787 euros polo Concello de Santiago, no que é un evidente exemplo de colaboración institucional.

Despois deste primeiro tramo da Vía Verde en territorio de Compostela desenvolverase nos vindeiros meses unha segunda fase, de 8 quilómetros de lonxitude, que discorrerá do punto quilométrico 2+2 ao 10+200. Estes futuros traballos contan cun orzamento de 1.012.000 euros para completar os citados 1,8 millóns de euros. Deste importe destinado a segunda fase, a Deputación achegará máis do 56% (570.983 euros) e o Concello un 14,10% (142.273 euros).

A cantidade restante será financiada polo Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). Dito recoñecemento concedido polo Goberno de España tras a presentación do proxecto por parte da Deputación da Coruña permitirá non só financiar a infraestrutura, senón tamén accións como a execución de áreas de descanso con pérgolas axardinadas, un mapa virtual con recursos de turismo gastronómico, feiras para impulsar produtos locais e instalacións de fontes de auga e áreas de carga de bicicletas eléctricas.

O PSTD da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle conta cun orzamento total de case 1,4 millóns de euros e desenvólvese arredor da Vía Verde e  enmarcado no Plan Nacional de Turismo Enogastronómico. Este proxecto busca impulsar este destino como unha alternativa sostible baseada no desenvolvemento dun produto turístico singular a partir da gastronomía e os recursos inmateriais vinculados ao territorio (patrimonio histórico, cultural, paisaxístico…).

Lea también

La reserva de los embalses gallegos baja al 65%

Los embalses gallegos se sitúan con una reserva de 2.415 hectómetros cúbicos, el 65% de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *