O Concello de San Sadurniño apoia as plantacións de mazá autóctona cunha liña de subvencións pioneira en Galicia

O prazo de solicitude arranca este mércores e prolongarase até o 17 de outubro.

O Boletín Oficial da Provincia deste martes 17 de setembro publica as subvencións municipais para a plantación de maceiras autóctonas. Trátase dunha convocatoria dotada con 10.000 euros que se distribuirán entre as persoas físicas solicitantes que cumpran os requisitos e que planten no termo municipal un mínimo de 1.000 e un máximo de 4.000 metros cadrados das variedades Ollo mouro e Príncipe. Desde o Goberno local de San Sadurniño destácase o carácter «pioneiro» desta liña de subvencións, coa que se busca fomentar a recuperación das castes tradicionais e impulsar o seu cultivo como maneira de diversificar a economía local.

As axudas poderán solicitarse  presentando debidamente cuberto o modelo que figura como anexo ás bases. Deberán facerse constar os datos persoais e de contacto, ademais das referencias catastrais das leiras onde se van poñer as maceiras e a superficie total que se pretende dedicar ás novas plantacións. Tamén se deberá acompañar a petición dunha reportaxe fotográfica do estado previo das parcelas -sacadas como máximo un mes antes da solicitude- onde en ningún caso pode haber maceiras das dúas variedades obxecto da subvención.

A intención do Concello é promover dentro do territorio municipal as plantacións de Ollo mouro e Príncipe, dúas castes tradicionais de grande sabor e boa conservación «que son case imposibles de atopar á venda, salvo en feiras e pequenos mercados de proximidade e aínda así en moi pouca cantidade malia ser tipos de mazá habituais en moitas hortas da comarca», comenta o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela.

«Estas variedades están perfectamente adaptadas ao terreo e teñen un grande potencial para atender o consumo local e o máis lonxano, só fai falla promover plantacións ben planificadas que poidan empezar a producir a medio prazo. Esa é a fin última desta liña de subvencións municipais. Estanos vindo mazá de fóra que non sabe a nada e que pagamos carísima, vai sendo hora de que apostemos pola nosa, que é incluso mellor», engade o concelleiro.

A convocatoria municipal diríxese a subvencionarlles ás persoas físicas (as axudas están pensadas para particulares) a compra de planta de Ollo mouro e/ou Príncipe en portainxertos MM-106. Neste sentido establécese que cada persoa só poderá presentar unha solicitude para plantar un mínimo de 1.000 e un máximo de 4.000 m². Porén, nas bases puntualízase que, en principio, só poderá elixirse unha das variedades e que para obter subvención para as dúas será necesario plantar polo menos 2000 metros cadrados de cada unha delas.

En calquera caso, sexa Ollo mouro ou sexa Príncipe -ou as dúas-, os marcos de plantación terán que ser, como pouco, de 4×4 metros, cos que se asegura un correcto desenvolvemento das árbores e un bo equilibrio produtivo, ademais de facilitar a mecanización dos labores de mantemento e colleita.  O importe subvencionable será de 10 euros por planta -se a superficie total non é múltiplo de 1.000, aplicarase unha regra de tres- até un máximo de 2.000 euros por solicitude.

A valoración das peticións farase outorgando ata 50 puntos: 20 por ter empadroamento en San Sadurniño desde polo menos tres meses antes da convocatoria das axudas e ata 30 puntos máis dependendo do número de persoas que compoñan a unidade de convivencia (dúas, 10 puntos; tres, 20 puntos; catro ou máis, 30 puntos).

A axuda, unha vez concedida, terá que xustificarse no prazo de dous meses despois de recibir a notificación. Esa xustificación requirirá presentar, por unha banda, o documento no que se faga constar a compra da planta e, por outra, a folla á que se lle deberá adxuntar unha pequena reportaxe fotográfica sobre como quedou a plantación. Neste último anexo tamén se terá que facer constar se se percibiron outras axudas coa mesma finalidade, sempre sen superar o 100% do custe total.

Até o 17 de outubro para solicitar
As bases da convocatoria de axudas aprobáronse na Xunta de Goberno Local do pasado 21 de agosto e posteriormente enviáronse para a súa publicación na Base de Datos Nacional de Subvencións. Este martes 17 de setembro saíron publicadas no Boletín Oficial da Provincia, co que o prazo de un mes para presentar as solicitudes empeza a correr o mércores 18 de setembro, incluído.

Dito dun xeito máis directo: o último día para presentar as solcitudes será o 17 de outubro. O trámite poderá facerse presencialmente no rexistro municipal, a través da Sede Electrónica ou polos medios válidos admitidos na normativa que regula as relacións da cidadanía coas Administracións públicas.

Segundo o titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela, San Sadurniño «sitúase de novo á vangarda en desenvolvemento, cunha iniciativa pioneira coa que queremos promover o cultivo de mazás do país. As nosas variedades, e especialmente a Ollo mouro e a Príncipe, teñen un grande futuro para o consumo en fresco ou para a súa transformación en marmeladas, zumes e sidras, como estamos vendo no centro de transformación A Fusquenlla. Sabemos que o paso que damos subvencionando as plantacións non deixa de ser un pequeno xesto, pero é un paso decidido, unha maneira de seguir avanzando na estratexia que estamos levando a cabo para reactivar e diversificar o potencial produtivo do rural».

Lea también

Neda avanza las propuestas de mejora del actual sistema de abastecimiento de agua formuladas por Viaqua

El alcalde de Neda, Ángel Alvariño, se reunía este viernes en la Casa Consistorial con …