Formoso participa no foro “Los Retos Económicos de Galicia”

Formoso considera que incrementar o investimento en ciencia, impulsar as renovables e a industria e revitalizar o rural son os tres grandes retos de Galicia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou no foro “Los Retos Económicos de Galicia”, organizado por EL PAÍS en Santiago de Compostela. Nun evento no que se debateu sobre o estado de presente e futuro da economía galega, o presidente provincial destacou o incremento do investimento en ciencia, o impulso das enerxías renovables e a industria e a potenciación do rural como grandes retos de futuro na comunidade autónoma.

Durante a súa intervención, Formoso recoñeceu que Galicia se atopa “nun bo momento”, xa que conta “indicadores positivos que amosan fortalezas como o PIB ou a creación de emprego”, sobre todo en eidos como o sector “naval, conserveiro, téxtil, da automoción, da tecnoloxía ou das enerxías”. Un feito que demostra que é “unha potencia do Estado a pesares de non selo a nivel demográfico”. Por iso, destacou que o territorio conta cunhas enormes “potencialidades”, pero tamén con “retos” aos que é fundamental responder a partir dunha exhaustiva reflexión.

Chegar ao 2% do PIB en ciencia e investigación

Como o primeiro deses retos, o presidente da Deputación citou ao ámbito do coñecemento e a ciencia. “É preciso igualar o investimento en I+D como mínimo á media estatal para, así, conseguir o obxectivo de destinar o 2% do PIB nesta disciplina, que é a tendencia na Unión Europea”, explicou Formoso, para quen “Galicia necesita potenciar todos os seus sectores a partir de esa aposta polo coñecemento, xa que é a base transversal máis necesaria para poder competir nun mundo máis globalizado e innovador”.

Por outra banda, Valentín González Formoso destacou a transcendental “concienciación da importancia da industria e a enerxía”. “É algo que hai que facer máis ca nunca nun país que nunca puxo isto en dúbida e que hoxe si o fai”. O presidente da Deputación recalcou que “é moi difícil ver futuro nun país que aposta só polo turismo e que destina toda a súa forza ao Camiño de Santiago. Todo é necesario e relevante, pero a UE marca o camiño do progreso e está baseado na industria e a enerxía”.

Neste sentido, Formoso alertou de que Galicia “xógase moitísimo” e é importante “informar a sociedade sobre o que supón renunciar a proxectos industriais que sexan de gran valor”. “Necesitamos aterrar proxectos industriais, mesmo os máis complexos a nivel ambiental e social. Todos temos que facer un esforzo, empezando polos propios promotores, xa que non poden considerar que por estar nun recuncho do mundo imos admitir calquera cousa. Non imos admitir tecnoloxía que non sexa punteira nin que non exista un retorno para o noso territorio”, especificou.

Loita contra o despoboamento rural

Por último, Formoso alertou da “perda demográfica”, un reto que “xa está socializado” pero contra o que se debe combater “permitindo que os proxectos se instalen no territorio” a partires de “incentivos fiscais e cláusulas demográficas”. “É importante que as empresas poidan prestar desde o rural servizos a toda a comunidade, sen necesidade de estar nos grandes polígonos metropolitanos e tamén establecer beneficios que permitan incentivar o interese das firmas por implantarse no rural”, engadiu.

Deste xeito, o presidente provincial recoñeceu que Galicia se atopa “nun momento de aposta por parte das administracións, os medios e a sociedade para conseguir que o talento non marche”. “Non é fácil de reter se non somos capaces de crear marcos de futuro nos que a industria e a tecnoloxía poidan progresar”, matizou Formoso, que recoñeceu a importante “labor dos medios de comunicación” para trasladar estas mensaxes á poboación.

“Hai traballo por diante, pero tamén ilusión. Estamos nun bo momento. Que EL PAÍS veña a Galicia e non que sexa Galicia a que vaia á capital de España a contar os seus problemas e bondades é moi necesario. Por iso invito ao grupo a que siga incentivando esa política de aproximación”, finalizou o presidente.

Lea también

A Deputación da Coruña impulsa con 650.000€ a actividade das confrarías de pescadores

A Deputación da Coruña vén de publicar no BOP as bases das subvencións destinadas ás …