Fene reanuda o ciclo Contando Ciencia

Organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene, coa colaboración da concellería de Ensino do Concello de Fene, volve Contando Ciencia, un programa que retoma a súa actividade co inicio do curso escolar “co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral”. Aberto a todo tipo de público, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta.

O ciclo principiará o xoves 3 de outubro co relatorio “Ferrol. O Arsenal no século XVIII”, a cargo do catedrático de Historia Moderna Manuel Reyes García Hurtado. No devir desta charla, o estudoso ferrolán explicará como se construiu o Arsenal de Ferrol e a labor de espionaxe de Gran Bretaña, amosando numerosas ilustracións, moitas delas inéditas.

Manuel Reyes García Hurtado é catedrático de Historia Moderna e doutor con premio extraordinario pola UDC, onde dirixe o departamento de Humanidades. As súas principais liñas de investigación son o estudo do exército e da Armada do século XVIII desde a perspectiva da Historia Cultural e da Historia Marítima, con especial atención ás infraestructuras portuarias e á actividade consular, así como ás relacións entre España, Francia e o Reino Unido no século XVIII, sobre as que ten dirixido diversos proxectos de investigación nacionais.

Ademais, ten levado a cabo numerosas estancias de investigación e docencia de longa duración en diferentes universidades de Europa e América e publicou numerosas monografías en relación a estes temas.

O ciclo Contando Ciencia proseguirá ao longo do curso 2024-25, atendendo ao seguinte calendario e programa:

  • 7 de novembro, Gonzalo Álvarez Jurado, catedrático de Xenética pola USC. Tema: «A xenética no museo do Prado». Gonzalo Álvarez Jurado é catedrático de Xenética pola Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade, profesor ad honorem. Foi director do Departamento de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela durante 15 anos.

  • 16 de xaneiro, Verónica Bolón Canedo, doutora en Informática pola UDC. Tema: “Avances e desafíos da Intelixencia Artificial”Verónica Bolón Canedo é enxeñeira informática, doutora en Informática pola Universidade da Coruña e profesora titular no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información, así como investigadora no Centro de Investigación TIC (CITIC). É académica de número de Academia Joven de España e académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España.

  • 13 de febreiro, Rosa Crujeiras Casais, catedrática de Estatística e Investigación Operativa da USC. Tema: “Mentiras, malditas mentiras e estatísticas”Rosa Crujeiras Casais é catedrática da área de Estatística e Investigación Operativa da USC e, actualmente, directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, CITMAga (desde setembro de 2021). A súa investigación céntrase no desenvolvemento de metodoloxía non paramétrica para a análise de datos en contextos complexos: procesos con dependencia espacial, variables observadas sobre soportes non-euclídeos e, máis recentemente, datos con información parcial.

  • 6 de marzo, Estíbaliz Espinosa Río, estudosa de Astrofísica e Arqueoastronomía. Tema: “Multiverso de telescopias”Estíbaliz Espinosa defínese como “autora, exploradora en ciencia e literatura, músico, astrónoma amadora, editora e tradutora”. Lémbrase escribindo desde que colleu o primeiro lapis e debuxou cómics. Lémbrase sobre todo lendo, dándolle voltas ao prisma literario non menos que ao científico ou ao musical. De ciencias e de letras, licenciouse en Socioloxía e en Filoloxía Hispánica na UDC. Ademais, escribe e canta desde que pode recordar. Cantou en coros e como solista (soprano e mezzo). Estuda astrofísica como afeccionada e arqueoastronomía.

  • 24 de abril, Iria Gómez Touriño, doutora e investigadora do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas. Tema: “Investigando o lado escuro do sistema inmunitario. Iria Gómez Touriño é investigadora principal do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas do CiMUS e IDIS. Ten conseguido varias axudas e contratos altamente competitivos, incluídos dous contratos Marie Sklodowska-Curie da Unión Europea (King’s College London, Reino Unido, 2013-2015, e USC, España, 2018-2020), e máis recentemente o Career Development Award da fundación estadounidense Juvenile Diabetes Research Foundation (2023-2028). As suas principias liñas de investigación inclúen a identificación e caracterización de novos fármacos para o tratamento de enfermidades autoinmunitarias, así como o estudo das causas destas patoloxías. A Dra. Gómez é tamén inventora en tres patentes, avaliadora experta de proxectos da Unión Europea e vogal da Xunta directiva da Sociedade Española de Inmunoloxía (2022-2026)

 

Lea también

‘Impacto de los perros sobre las aves acuáticas que hacen uso del ecosistema playa’, este viernes 21 en la SGHN de Ferrol

  La Delegación de Ferrol de la Sociedade Galega de Historia Natural-SGHN  ha organizado una nueva …