As Pontes licita a construción dunha pista multideporte no poboado da Magdalena

A Xunta de Goberno Local das Pontes aprobou o expediente de licitación do proxecto básico e de execución dunha pista multideporte no Poboado da Magdalena e a mellora da contorna.

Un proxecto cun orzamento de 181 427,40€, con cargo á Deputación da Coruña que ten como obxectivo prioritario mellorar a funcionaldiade, seguridade, eficiencia enerxética e sustentabilidade dunha das prazas interiores do Poboado da Magdalena mediante a instalación dunha pista multideporte e o acondicionamento da súa contorna.

Nese sentido, desde o equipo de goberno apuntan que “nos últimos anos, o Concello ten levado a cabo obras de mellora da pavimentación dos itinerarios peonís que rodean os bloques de vivendas, así como a renovación das redes de saneamento, abastecemento e iluminación. Así mesmo no ano 2020 acometeuse a obra de recualificación da praza principal do poboado co obxectivo de mellorar a calidade ambiental da mesma así como a súa funcionalidade, accesibilidade e seguridade co obxectivo de que o espazo recuperase o carácter de punto de encontro da veciñanza que tiña perdido co paso do tempo dado o seu mal estado de conservación”.

“Continuando con esta liña de intervencións, agora buscamos a recuperación doutro dos espazos libres de maior tamaño do poboado, que desde fai anos está sendo utilizado desde hai anos como zona de xogos e deportiva” engaden desde o grupo de goberno.

Con tal obxectivo, procederase á reorganización do espazo tendo como prioridade o lecer e a convivencia, creando un ámbito de xogo multideporte, renovando os itinerarios pavimentados, adaptándoos ás características dos xa remodelados na contorna.

Crearase unha pista de 20 metros de longo por 10 metros de ancho, para a práctica de fútbol, baloncesto e balonman, formada por unha estrutura realizada en tramex composta por módulos de diferentes cores, con dúas portarías nos lados curtos, sobre as que se colocarán os taboleiros de baloncesto, completándose o equipamento con dous taboleiros de minibasquet.

A contorna da pista multideporte executarase en formigón armado de cor similar ao executado na praza principal do Poboado e amoblarase con bancos, papeleiras e xardineiras. Nos itinerarios peonís, tanto da contorna da pista multideporte como das traseiras das edificacións próximas, colocarase un novo pavimento e substituiranse as tapas de rexistro de servizos, colocándose novas tapas de fundición.

Desde o Concello subliñan que “se disporán os medios necesarios para crear un espazo inclusivo, deseñado para todas as persoas, eliminando as barreiras físicas e creando itinerarios accesibles para persoas con diversidades funcionais e problemas de mobilidade, aplicando criterios de ergonomía na selección do mobiliario urbano e de seguridade na elección dos pavimentos e proteccións, creando, ao mesmo tempo, unha contorna na que se reduzan os riscos de accidentes”.

Así mesmo procederase á ampliación da rede de iluminación para a pista multideporte posibilitando o aforro de custes co máximo rendemento lumínico para o que se proxecta a ampliación da canalización de tendido de alumeado existente e a disposición de novos farois con lámpadas LED, tanto na pista multideporte como na súa contorna.

Ademais optarase pola instalación de equipamento sustentable mediante a selección de elementos de mobiliario urbano realizados con materiais reciclables e ambientalmente apropiados coma as madeiras certificadas.

Lea también

Fene acolle unha charla sobre alimentación saudable durante o embarazo

A nutricionista do centro de saúde de Fene, Iria González Fraga, e o matrón deste mesmo centro, David González …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *