O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene transfórmase no Olimpo da Caricatura

Quince humoristas gráficos de recoñecido prestixio internacional participan na exposición O Olimpo da Caricatura que se inaugura o mércores 11 de setembro ás 19 horas no Museo do Humor Xaquín Marín (A exposición estaba anunciada inicialmente para este venres día 6).

A mostra recolle unha selección de obras dos que, a xuizo do humorista gráfico e fundador do museo fenés Xaquín Marín, son “os mellores caricaturistas a nivel mundial” e ten como obxectivo “ensinar no meu país e en todo o mundo que o debuxo de humor pode ser unha arte tan sublime como outras que sempre foron mellor valoradas”.

O Olimpo da Caricatura poderá visitarse no Museo do Humor (Avda. de Conces, 20-22, Fene A Coruña) do 11 de setembro ao 30 de outubro de 2024. Horario de visitas de luns a venres de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas.

Agim Sulaj (Albania, 1960), Alessandro Gatto (Italia, 1957), Ángel Boligán (Cuba, 1965), António Moreira Antunes, “António” (Portugal, 1953), Cau Gómez (Brasil, 1972), Dalcio Machado (Brasil, 1972), David Vela (España, 1967), Izabela Kowalska-Wieczorek (Polonia, 1955), Luc Descheemaeker, “O-Sekoer” (Bélxica, 1955), Mahboube Pakdel (Irán), Marilena Nardi (Italia, 1966), Michael Kountouris (Grecia, 1960), Mikhail M. Zlatkovsky (Rusia, 1944), Pawel Kuczynski (Polonia, 1976) e Siro López (España, 1943) son os humoristas gráficos seleccionados por Xaquín Marín coma os mellores do mundo.

De cada un deles, amosaranse na exposición tres obras, escollidas por eles mesmos, que mellor definen a súa arte ou que consideran as máis representativas da súa traxectoria artística.

Desde o Museo do Humor Xaquín Marín saliéntase a xenerosidade e vontade de colaboración que amosaron todos os humoristas gráficos cos que se contactou e que, rapidamente, aportaron obra para este Olimpo da Caricatura “que levo tanto tempo imaxinando”, en palabras do artista fenés.

Un dos obxectivos do Museo do Humor desde a súa orixe foi o de “utilizar o humor como vehículo de irmandade e traer a Galicia os mellores traballos que se fan polo mundo adiante”. E nesa filosofía, que se mantén até o día de hoxe, encaixa precisamente O Olimpo da Caricatura que o museo fenés acolle neste 2024, coincidindo coa conmemoración do seu 40º aniversario.

Lea también

SGHN anuncia a derradeira conferencia dentro do ciclo “Xuntanzas Naturalistas”

A delegación de Ferrol da SGHN anuncia a derradeira conferencia dentro do ciclo “Xuntanzas Naturalistas” que tiveron …