O grupo municipal socialista do Concello de Ferrol presenta dúas mocións ó pleno de xullo, unha delas versa sobre o estado da estrada de Catabois e outras arterias da cidade. Tamén presenta unha moción sobre a actuación integral na plaza do Inferniño
Psoe Ferrol afirma sobre o estado da estrada de Catabois e outras arterias da cidade o seguinte
«O Concello de Ferrol posúe unha ampla rede de estradas de titularidade municipal, moitas delas usadas a diario por milleiros de veciños de toda a comarca para a entrada e saída da cidade, de conexión cos principais centros de emprego do Concello ou de conexión entre as Parroquias da nosa cidade».
«Segundo a Enquisa de Infraestrutura e Equipamento Local que publica periódicamente a web da Deputación da Coruña, Ferrol conta con 29 núcleos de poboación e unha lonxitude de viario en quilómetros de 246,7. Á chegada ao Goberno Local do Grupo Socialista, no ano 2019, a máis recente destas enquisas que manexábamos sinalaba que o 15,2% se situaba en mal estado, sendo competencia do Concello de Ferrol o seu mantemento en conservación».
«Os datos arriba anunciados marcaron a folla de ruta, facendo fincapé na necesidade de renovación de vías consideradas arterias principais nosa cidade dada a súa intensidade de tráfico coma a Avenida do Mar ou a Avenida de Esteiro e tamén das arterias que articulan o extenso rural da nosa cidade, como as estradas entre Mandiá, Marmancón e Cobas, ou a estrada Valón e Brión».
«Ademais das Obras executadas no anterior mandato, deixáronse proxectos de crucial importancia, algún deles incluso dotados de crédito coma o Aglomerado da Estrada de Catabois ou a estrada de Doniños entre outras».
«Transcorrido un ano de mandato do actual Goberno Local observamos que apenas se avanzou na licitación de melloras de aglomerado para a nosa cidade e que apenas se redactaron novos proxectos de envergadura que marquen a axenda dos próximos anos, máis aló do mantemento ordinario ou as pequenas intervencións».
Dende o Grupo Socialista «entendemos que o correcto mantemento e a imprescindible renovación do noso extenso viario ten que abarcar, ademais do mantemento ordinario e a licitación mediante contratos menores de pequenas intervencións, a execución de inversións de envergadura que renoven completamente as nosas vías».
«Dada ademais a subida dos prezos da construción sufridas nos últimos anos consideramos imprescindible que se aumente a contía prevista para as actuacións de mantemento de infraestruturas, co fin de poder atender coa necesaria solvencia as necesidade do día a día».
Polo anteriormente exposto, o Grupos Municipal Socialista someten a votación a presente moción e os seguintes acordos:
«Que o Goberno Local inicie de maneira urxente a licitación dos proxectos de renovación da Estrada de Catabois».
«Que o Goberno Local inicie de maneira urxente a licitación dos proxectos de renovación do aglomerado na zona rural xa aprobados coma a Estrada do Lago de Doniños, a Estrada do Vilar ou o camiño de Lodeiro en Esmelle (entre outras)».
«E que o Goberno Local prevea un aumento significativo na contía incluída no Contrato de Mantemento de infraestruturas e a licitación urxente dun novo contrato que recolla as necesidades reais do noso Concello».
A segunda moción versa sobre a actuación integral na plaza do Inferniño
O grupo municipal socialista expresa que «o barrio do Ensanche A e en concreto a Praza do Inferniño teñen pendentes varias accións de mantemento e actualización do seu espazo público e equipamentos».
Dende o Grupo Municipal Socialista «somos conscientes da débeda pendente co barrio, e o noso compromiso coas necesarias actualizacións que deberán realizarse nos próximos anos. A meirande parte dos equipamentos que posúe a praza datan dos anos 90, cando sendo Alcalde o socialista Couce Pereiro realizouse a urbanización da praza».
«A finais de outubro do ano 2022, a Praza do Inferniño sufriu danos significativos debido á caída dunha árbore de gran porte, afectando varios elementos do espazo público, incluída a pérgola da Parada de Taxis».
«O Goberno Local de entón, o do socialista Ángel Mato, iniciou de inmediato os traballos para a substitución das árbores de gran porte que comprometían a seguridade da contorna, plantando tras a tala arces de folla vermella, especie máis adecuada para a escala urbana do espazo, completando a intervención co novo axardinamento da zona verde».
«De seguido, os técnicos municipais redactaron os pregos para a redacción inminente dun proxecto de reparación dos elementos danados e mellora da contorna da praza, co fin de garantir a seguridade e funcionalidade do espazo público».
«A pesar da insistencia do Grupo Socialista nas comisións procedentes, non entendemos como o actual Goberno Local non deu nin un só paso para continuar co expediente durante os últimos doce meses, mentres o equipamento está nun lamentable estado».
Dende o Grupo Socialista «queremos deixar patente a nosa preocupación pola actitude do actual Goberno Local, que paraliza incluso unha simple reparación imprescindible para garantir a seguridade e benestar dos veciños da contorna».
«Dada ademais a urxencia da reparación e mellora de toda a Praza do Inferniño, vémonos na obriga de traer este asunto ao Pleno Municipal».
Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal Socialista somete a votación a presente moción e os seguintes acordos:
«Que o Concello de Ferrol adopte de maneira urxente as medidas necesarias para garantir a seguridade e mellora de toda a Praza do Inferniño«.
«Que o Goberno Local inicie de maneira inmediata a licitación do Proxecto de reparación dos elementos danados na Praza do Inferniño».
«Que o Concello de Ferrol emprenda unha actuación integral na Praza do Inferniño, que inclúa melloras nos xardíns, parque infantil, iluminación, arborado e urbanización do espazo público».
«Que se realicen melloras na zona de influencia da Parada de Taxis, asegurando que a contorna sexa segura, accesible e adecuada para todos os usuarios».
«Que se repoña o arborado talado, substituíndo as árbores de gran porte retiradas por especies adecuadas para a escala urbana do espazo, asegurando así a recuperación do patrimonio arbóreo e o embelecemento da praza».