Concurso de Saltos Nacional*** Cidade de Ferrol e competicións hípicas Equiocio Ferrol

Equiocio Ferrol activa as inscricións para a totalidade das competicións hípicas da súa próxima edición, que se celebrará en Covas, do 1 ao 4 de agosto. O prato forte volverá ser o Concurso de Saltos Nacional*** Cidade de Ferrol, pero refórzase tamén a competición de ponis. Así, o CSNP1 formará parte da Liga de Norte a Sur.

Ata o próximo 23 de xullo está aberto, a través da web da Real Federación Hípica Española (RFHE), o prazo para anotarse nos distintos concursos nacionais que se disputarán na pista central de herba natural de Equiocio Ferrol.

A competición estrela será, un ano máis, o CSN*** Cidade de Ferrol, único desta categoría no calendario de competicións galego. En total, incluirá doce probas oficiais sobre alturas de 1,10; 1,20; 1,30; 1,35 e 1,40 metros, e cun máximo de tres cabalos por deportista. O concurso repartirá algo máis de 18.000 euros en premios.

Desde a organización destacan o interese espertado por esta cita, con solicitudes de información de clubs de distintos puntos do país e tamén do veciño Portugal. Xa están anotados preto dunha trintena de cabalos e, na nómina provisional de rexistrados figuran nomes como o de Álvaro Gil ou Javier González Fraga, gañadores do Gran Premio nos últimos anos.

Ponis

En canto á competición de ponis, cómpre destacar que o Concurso de Saltos Nacional de Ponis (CSNP1),  inscrición na web da RFHE,  volverá ser valedoiro para a Copa Campeones. Ademais, Equiocio Ferrol será un dos piares da expansión polo Norte da península da liga de Norte a Sur. Así, será unha das once probas puntuables da terceira edición deste proxecto.

Segundo o avance do programa, o concurso constará de 24 probas oficiais repartidas en oito categorías, sobre alturas que irán dos 0,50 aos 1,15 metros.

En función da categoría, poderán participar xinetes e amazonas de entre 6 e 16 anos, establecéndose, como no concurso de adultos, un máximo de tres cabalos por deportista.

Probas territoriais

Finalmente, a oferta deportiva completarase coas distintas probas do Concurso de Saltos Territorial (alturas de 0,80, 1, e 1,10 metros) As inscricións neste último concurso, complementario da competición nacional, xestionaranse directamente co comité organizador a través do correo electrónico secretaria@equiocio.es.

A oferta deportiva de Equiocio Ferrol 2024 contará entre os seus principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Estrella Galicia e Gadis. Colaboran ademais Fundación Deporte Galego, Federación Hípica Galega, J Rilo, Pavo e, como non, a Comunidade de Montes veciñais en man común de Covas e Esmelle.

Lea también

Álvaro Mardones llega cedido al Racing de Ferrol procedente del RC Deportivo de La Coruña

ADN racinguista para reforzar la zaga. Álvaro Mardones Esplúguez (Ferrol, 2005) jugará en el Racing …